Araújo solicita unha reunión coa Xunta para buscar unha solución á Casa do Telleiro en Borreiros

O pasado domingo tivo lugar unha asemblea veciñal na parroquia de Borreiros convocada polas entidades veciñais da mesma á que asistiron todos os grupos municipais con representación na corporación, xunto cos propietarios da casa do Telleiro, para falar da posibilidade de lle buscar unha solución á devandita construción cuxa viabilidade está en cuestión polos problemas de seguridade viaria que xera.

Como resultado da asemblea acordouse dirixirse ao Xefe Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura para manter unha entrevista (á que asistirían veciños e propietarios), para ver de lle buscar unha solución ao problema.

Segundo informa o concelleiro de Urbanismo, Patrimonio e Medio Ambiente de Gondomar, Antonio Araújo, a entrevista foi solicitada o mesmo luns, tal como foi acordado, estando agora á espera da resposta do Xefe Territorial.

A maiores diso e da posible solución ao devandito problema, na asemblea do domingo abriuse por parte do concelleiro de Urbanismo a reflexión no sentido de que “nas parroquias debemos abrir o debate sobre as velocidades dos coches, direccións únicas, etc, é dicir, facer das parroquias e do rural en xeral, un lugar amable para vivir onde primen as persoas sobre os vehículos”. Reflexión que tivo unha boa acollida por parte dos asistentes.