Alumnos do Salesianos apadriñan a reforestación de dúas hectáreas de monte en Chandebrito

FOTO: SALESIANOS VIGO // O presidente da Comunidade de Montes de Chanderito, Víctor Vidal, no centro escolar.

Baixo o lema “operación: manda carballo”, no Colexio Salesianos María Auxiliadora de Vigo foi tomando forma un proxecto que arrancou coa vaga de lumes de outubro, e a día de hoxe implica á comunidade educativa no reto de reforestar 2 hectáreas da comunidade de Montes de Chandebrito.

A iniciativa xorde coincidindo coa vaga de lumes que deu en motivar un proxecto de concienciación no que xerminar landras de carballo ata acadar plantas viables que logo trasladar ao monte. Toda a comunidade educativa foise sumando á iniciativa, ata dar forma a un proxecto que abrangue a alumnos dende 3º de Primaria ata Bacharelato, en diferentes materias e diferentes fases.

O proxecto articulouse en diferentes liñas de traballo. Por unha banda, a xerminación das landras nos laboratorios do centro, e o posterior transplante en bricks de leite con terra para acadar plantas viables para levar ao monte. A día de hoxe case que 1000 exemplares medran na terraza do colexio. Acompañouse no tempo coa realización dunha unidade didáctica sobre a importancia dos bosques e os incendios forestais en Galicia, a súa problemática en xeral e outros moitos contidos acerca da necesidade que temos de comprometerse coa conservación e protección do medio ambiente. Visitoulles os días 16 e 20 de febreiro a Oliver Weiis, enxeñeiro agrónomo e pai de alumnos do centro, e Víctor Vidal, presidente da Comunidade de Montes e Asociación de Veciños de Chandebrito, para explicarlles en que vai a consistir o traballo de reforestación, como foi o incendio, e os proxectos que a comunidade ten para a recuperación do monte.

Chegados ao mes e marzo, achégase a fase de plantación no monte. Así, este xoves asinouse o acordo polo cal os alumnos do centro asumirán a reforestación e coidado de 2 hectáreas e xa está planificado que os días 24 e 25 de abril trasladarase a comunidade educativa a facer a plantación. Asemade está prevista para o 19 de Xuño unha xornada de limpeza por parte dos alumnos da etapa de Secundaria e aberto o calendario de iniciativas.