Máis dunha quincena de países confirman a súa participación no Trial das Nacións de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Toni Bou nun Campionato de España celebrado en Baiona.

Máis dunha quincena de países xa confirmaron a súa participación no Trial das Nacións, que organiza a Peña Moteros Val Miñor durante os días 22, 23 e 24 de setembro, e que podería superar nesas datas a vintena, segundo estima José Durán, o seu presidente.

E é que a cita de Baiona é unha das máis importantes no ámbito do motociclismo no calendario de competicións da FIM, a federación internacional que a rexe e que acaba de remitir os horarios das probas á Peña Moteros.

Con representantes designados por estrita clasificación, xa que só poden participar tres pilotos por país, tanto en categoría masculina como feminina, a de Baiona albergará un dos mellores campionatos do Trial de todos os tempos, con bandeiras como as de Xapón, Inglaterra, Francia, Estados Unidos, Alemaña, Noruega, Holanda, Portugal, Italia, Perú, Venezuela, Andorra, México, Chequia e a da propia España.

Noutra orde de cousas, a Federación Internacional de Motociclismo designou os horarios de adestramentos libres, oficiais e os de competicións, deixando o xoves 21 de setembro os libres de 13 a 15 horas; para o venres 22 o oficial de 11 a 13 horas; o sábado 23 a competición feminina de 10 a 15 horas; e de 9 a 15 horas a masculina, o domingo 24.

A cerimonia de apertura celebrarase o martes 19 de setembro, ás oito da tarde, nas mesmas instalacións do Paddock, no parque da Palma, coa asistencia de todos os pilotos, equipo de organización e autoridades.

O Trial das Nacións de Baiona captou a atención dos directivos da FIM, cativados pola beleza da súa paraxe, co paseo ao Monte Boi como eixo do circuíto de Zonas, que se trazarán sobre as rocas do mar e por baixo das murallas do Parador de Turismo, aproveitando as saias montañosas e os seus outeiros.