Nace en Nigrán a ROCKestra Proval

FOTO: MARTA G. BREA // Os compoñentes da ROCKestra Proval.

Tras moitos anos de experiencia no traballo orquestral e moitos concertos en diferentes escenarios de Nigrán, a bisbarra e outras cidades e vilas galegas, nace unha formación estable no IES Escolas Proval, a «ROCKestra Proval», formada por 37 alumnas/os do instituto, dos cursos de ESO, bacharelato, ciclos formativos e ESA.

“A idea vén de moito tempo. Tiña ganas de facer unha formación estable porque ás veces pasaba que moitos rapaces non se implicaban o suficiente e prexudicaban aos que si”, sinala Paula Carreras, profesora de música do centro e directora da ROCKestra Proval.

O proxecto contempla fomentar a expresión artística e cultural a través da música de maneira que os estudantes poidan sentir a experiencia de seren músicos, e de aprender e desfrutar das vivencias que supoñen formar parte dunha formación destas características.

O obxectivo é a participación da orquestra en concertos en diferentes escenarios tanto na vila como noutros concellos, así como conseguir que esta agrupación sexa un referente de modelo educativo a través da música. “A finalidade máxima é tocar en público. Creo que o traballo en grupo favorece aos adolescentes”, destaca a súa impulsora.

“O traballo orquestral -engade- desenvolve nos rapaces ademais dunha formación intensiva na arte musical, un importante crecemento en capacidades como a atención, a concentración, a memoria ou a aprendizaxe cooperativa. Así mesmo, contribúe ao seu crecemento cultural e musical para unha participación activa como oíntes ou intérpretes no futuro. Porén sobre todo, reforza a autoestima e establece lazos de amizade con criterios de tolerancia e igualdade coas demais persoas”.

A ROCKestra Proval foi creada a principios deste curso académico, alá polo mes de outubro, e fixo a súa presentación no programa “Luar” da Televisión de Galicia o pasado 5 de xaneiro, actuación para a que estiveron ensaiando durante as vacacións de Nadal. A idea é presentala de forma oficial cun concerto en Nigrán no mes de marzo ou abril. Todos os luns, os 37 alumnos que a compoñen comen no instituto e aproveitan o tempo entre a xornada de mañá e tarde para ensaiar.

O repertorio abrangue cancións actuais e míticas da historia da música pop e rock, e pezas de percusión con material reciclado. “Viva la Vida” de Coldplay, “Nothing Else Matters” de Metallica, ou a banda sonora de “Piratas del Caribe”, son algunhas das cancións que están a preparar. “Adoito buscar temas emblemáticos da música próximos a moitas idades e por suposto que lles gusten a eles, para que se sintan motivados”, destaca Paula Carreras.

Estas composicións adáptanse a unha formación orquestral atípica formada por instrumentos como batería, piano, clarinete, violín, guitarra e baixo eléctricos, e instrumental Orff (pequena percusión, frautas doces, xilófonos, metalófonos e carillóns). Nas pezas de percusión, os caldeiros de pintura e os colectores de lixo convértense nos protagonistas da formación, demostrando que calquera obxecto pode ser utilizado como instrumento musical.

Na ROCKestra Proval ten cabida calquera alumno do instituto, incluso aqueles ex alumnos que queiran seguir tocando. “A miña idea principal é facer un traballo, a pesar de ser escolares ou non ser profesionais, de calidade”.

“Nunha orquestra todos/as somos importantes, responsables, cómplices, necesarios, iguais e únicos á vez. Formar parte dela prepáranos para sermos «músicos» da «Orquestra da vida»”, conclúe a mestra.