Unha empresa de Nigrán deseña unha aplicación intelixente para controlar o aforo das praias

O alcalde de Nigrán, Juan A. González e o delegado da Zona Franca, David Regades, acompañados das concelleiras Raquel Giráldez, Cristina Dosil e o concelleiro Fino Alonso, visitaron, esta mañá, a empresa DGH, Enxeñería e mantemento industrial situada no polígono industrial de Porto do Molle. E asistiron á posterior demostración, en Praia América, do DGH Intelligent Watchful Vision, aplicación intelixente destinada ao control de aforo en praias e espazos abertos de gran extensión, como unha medida de protección da saúde e control do COVID-19, creado pola empresa.

Jean Paul Yagüe, responsable da Delegación de Vigo e Alexandre Martin-Mestres Sánchez, responsable técnico de proxectos de Innovación, foron os encargados de acompañalos no seu percorrido polas instalacións que o Grupo DGH ten en dúas naves situadas en Porto do Molle e que na actualidade dan traballo a 50 persoas.

Yagüe explicoulles que “DGH leva máis de 40 anos deseñando, executando e poñendo en marcha proxectos e servizos integrais en contornas industriais, cunha ampla cobertura a nivel nacional e internacional. Iniciando a súa andaina en automoción, un dos sectores máis complexos e esixentes, para posteriormente ampliar a súa actividade a sectores como alimentación, aeronáutica, construción e novas tecnoloxías, entre outros”. Hoxe en día contan cun persoal de 500 profesionais e, ademais das súas centrais en Valladolid e Portugal, dispón de delegacións repartidas por todo o país.

Tras a visita o alcalde e o delegado, acompañados das concelleiras e dos técnicos da empresa, desprazáronse a Praia América para asistir a unha demostración do dron DGH Intelligent.

“Desde a empresa DGH quixemos engadir o noso gran de area á loita contra o COVID e neste caso en concreto no aforo das praias. Consideramos que é un tema importante para que todo o mundo estea seguro vindo aquí” indicou Jean Paul Yagüe.

O sistema combina a versatilidade dos drons para a gravación de imaxes en grandes superficies, xunto coa potencia e fiabilidade da intelixencia artificial para o cálculo de persoas.

“Grazas a un contador de persoas automático, o dispositivo ofrece información en tempo real do número de persoas que se atopan na praia nun determinado momento. Os datos quedan rexistrados automaticamente para que poidan ser consultados posteriormente” indicou Alexandre Martin-Mestres Sánchez. Quen explicou, ademais, que “se trata dun software de análise intelixente que consegue un reconto moi preciso en tempo real.”

Juan González manifestou que “se senten moi orgullosos e que están encantados de que propostas como esta veñan de empresas que ademais están situadas en Nigrán en Porto do Molle, un polígono referente que é o presente e o futuro da nosa localidade.”

Pola súa banda, Regades valorou moi positivamente o dispositivo xa que considera que “este produto de DGH é un exemplo máis do talento que temos na área de Vigo e das empresas que están situadas na Zona Franca”. “O que temos que facer desde as Administracións é seguir apoiando a innovación, a alta tecnoloxía e a empresas e proxectos como este porque serán os que nos fagan no futuro máis competitivos”, engadiu.