Nigrán inicia a reforma das casas dos mestres de Vilameán como local para a terceira idade

O Concello de Nigrán iniciou a semana pasada as obras para transformar as antigas casas dos mestres de Vilameán ao carón da Casa Consistorial nun local social a disposición da terceira idade. Os traballos, cun orzamento de 110.064 € incluído no Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, estarán rematados a inicios de ano. Ata agora este espazo era empregado como almacén de alimentos dos Servizos Sociais, trasladándose esta función á antiga casa do conserxe do CEIP Humberto Juanes grazas ás facilidades dadas pola dirección do centro.

O goberno local tomou a decisión de cambiar o seu uso despois de que un nutrido grupo de mulleres trasladase o ano pasado ao alcalde, Juan González, a súa demanda de máis servizos destinados aos maiores no propio centro urbano. Tras manter diversos encontros co rexedor e co arquitecto redactor o proxecto contempla as súas principais peticións: dispor dun lugar adaptado e confortable destinado á convivencia e onde, ao mesmo tempo, poidan manter reunións, consultar a prensa ou internet e realizar actividades. Paralelamente, esta mellora significa continuar avanzando cara a humanización completa de toda a contorna da Casa Consistorial, onde anteriormente o goberno local creou un itinerario peonil seguro pensando especialmente nos alumnos do CEIP Humberto Juanes. “Queremos que todo o centro de Nigrán sexa un lugar de encontro da veciñanza e camiñamos neste sentido, neste núcleo dispomos da Praza do Concello como lugar de convivencia e agora sumaremos este local que, ademais, está ao carón dun centro educativo, sendo dous usos que nos gusta especialmente que convivan preto un doutro”, sinala González, quen incide en que estará “autoxestionado polos propios usuarios”.

O volume orixinal do edificio non se modificará, tan só se mellorarán os acabados renovando a cuberta e limpando as fachadas, polo que a súa relación coa contorna non variará. O obxectivo paralelo desta reforma é poñer en valor a planta orixinal, moi desvirtuada por sucesivas reformas e que volverá a responder á tipoloxía de “Casas dos mestres” dispersas por toda a comarca do Val Miñor. Isto último implica demoler a totalidade da tabiquería interior para crear espazos diáfanos (o esquema que sempre se repite nestas construcións é un único volume de planta baixa con aulario adosado á vivenda e, usualmente e como é o caso, articulado por un patio de acceso). A nova tabiquería contará con acabados en madeira, carpinterías e mobiliario facilmente desmontable.

A parte norte do edificio disporá de aseos adaptados e unha sala de reunións, mantendo os ocos na fachada para conservar esa iluminación natural. A parte sur servirá para un uso máis polivalente, cun espazo visualmente aberto que terá mesas, zona de consulta de prensa ou internet e/ou de descanso informal con sofás. O proxecto contempla recuperar o patio interior cuberto como zona de acceso e comunicación entre ambos lados e, ademais, porá en valor a estrutura de vigas de formigón orixinal limpando os seus revestimentos para deixalas á vista no interior (o resto dos acabados serán en branco agás os servizos, que se revestirán con panelados en madeira de carballo).

“As persoas maiores de Nigrán reclamaban un espazo no centro onde poder socializar e autoxestionarse e, tanto eles coma o goberno de Nigrán, consideramos este sitio como o máis axeitado: é céntrico, permite usos polivalentes e cumpre con todos os requirimentos que nos fixeron. Estamos moi orgullosos de seguir con este proxecto cara a humanización completa da contorna da Casa do Concello”, finaliza o alcalde.