Gondomar recibirá aos Reis Magos cunha festa infantil e a tradicional Cabalgata

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Cabalgata de Reis en Gondomar.

Gondomar prepárase para recibir ás súas Maxestades os Reis Magos e a Concellería de Cultura ultima os detalles da festa infantil e da Cabalgata que se celebrarán este venres día 5 de xaneiro.

Ás 16:30 horas comezará unha festa infantil no Pavillón Municipal de Deportes, prevista inicialmente na Praza do Concello, con todo tipo de animación para os máis pequenos: música, globoflexia, maquillaxe de caras e caracterización e animación de numerosos personaxes de debuxos animados. Ademais, Cristian de Samil presentará o seu novo espectáculo de animación “Los duendes de la luz”, ideado especialmente para estas festas.

A Cabalgata de Reis partirá desde Vincios ás 16:30 horas, pola estrada xeral desde o barrio de Hervillás ata O Tumbio, facendo a súa entrada en Gondomar ás 18:00 horas, pola rúa Eduardo Iglesias dirección á Praza do Concello, continuando pola Avda. Conde de Gondomar, Diego Sarmiento e Avda. da Feira, para finalizar no Pavillón Municipal, onde as Súas Maxestades serán recibidos polas autoridades municipais, novos e maiores.

A comitiva estará formada pola Banda de Tambores, a Rondalla e os Abandeirados de  Vincios, as tres carrozas con Melchor, Gaspar e Baltasar, elaboradas pola Asociación de Veciños “Galiñeiro”, acompañados dos Paxes Reais, pastorcillos e trasgos. Durante o percorrido repartiranse 1.000 quilos de caramelos aptos para celíacos.

O Nacemento Vivente foi suspendido ante as previsións meteorolóxicas, quedando para ser visitado o Belén Artesanal en Movemento elaborado por Fernando Fernández Penedo, situado no Auditorio Municipal Lois Tobío.

O sábado día 6 celebrarase desde as 10:00 da mañá o tradicional Encontro de Rondallas de Reis, coa participación de 11 Rondallas que desfilarán polas céntricas rúas de Gondomar.

Desde a Concellería de Cultura piden a colaboración dos asistentes no desenvolvemento do evento, así como facilitar o labor de todos os voluntarios, agradecendo á Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios e aos efectivos de seguridade e tráfico que interveñen no dispositivo.