21 anos despois asínase o primeiro convenio colectivo do GES do Val Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Os tres alcaldes e Rosi Pereira, do GES, asinan o convenio.

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor por fin terá un convenio colectivo que regule as condicións de traballo. 21 anos despois da súa creación, este venres os tres alcaldes da comarca, GES e sindicatos asinaron o documento, que agora terá que ser aprobado tras a realización dos pertinentes informes.

“Hoxe é un día moi importante”, afirmaba Ángel Rodal, alcalde de Baiona e presidente da Mancomunidade ata o próximo 31 de decembro. “A pesar de que este ano a Mancomunidade estaba nun momento de axuste financeiro creo que as medidas que tomamos son adecuadas, aínda que non foron fáciles”.

Aínda que o convenio negociouse nos últimos dous meses, Mancomunidade e GES xa mantiveran contacto ao longo de todo o ano. “Fixemos un esforzo entre todos e creo que é un convenio xusto, necesario e bo para todos”, engadiu Rodal.

Paco Ferreira, que tomará a substitución o próximo mes de xaneiro como presidente da Mancomunidade, incidiu en que “imos ser todo o áxiles posible, a prioridade máxima é que isto estea aprobado canto antes”. “Temos que seguir avanzando en infraestruturas, pero marca un antes e un despois no funcionamento do GES e hai que tomalo como un éxito de todos”.

Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, agradeceu aos sindicatos “a súa sensatez” ao longo de todo o proceso negociador, e ao GES, “non só polo traballo que fan, senón a disposición que tiveron durante este mes, a súa capacidade de negociar”. Finalmente, engadiu que “é unha alegría para min, e servirá para que os que veciños de Nigrán, do mesmo xeito que os de Baiona e Gondomar, se sentan polo menos un pouco máis seguros”.

Rosi Pereira, en representación do GES, asegurou que “estamos contentos co que se conseguiu, a Mancomunidade estivo disposta a negociar en todo momento”. “Hai que chegar a acordos e aos que chegamos foron satisfactorios”, concluíu.

O documento contempla a mellora salarial dos 12 membros do GES, pasando dos 850 euros actuais a 1.200. Outra parte importante é o aumento do número de efectivos, que se elevará ata os 18 nos próximos tres anos, redundando nun mellor servizo para os máis de 45.000 veciños da comarca, chegando ata os 120.000 en época estival. Unha vez entre en vigor, o convenio supoñerá un aumento de 100.000 euros na partida destinada ao GES.

Máis melloras no GES

O pasado mes de novembro, a Mancomunidade aprobou o seu orzamento, aumentando nun 11% respecto ao ano anterior a partida destinada ao GES. O diñeiro destinarase a financiar nova indumentaria para os efectivos do servizo, resérvanse preto 17.000 euros para iso, un investimento moi por encima ao destinado nos últimos anos a equipamento. Tamén se designa un incremento para mellorar o importe da hora e da xornada extra dos 12 efectivos do Grupo de Emerxencias.

A Xunta entregou ademais este mesmo mes á Mancomunidade un equipo de excarceración valorado nuns 43.000 euros, que supón un reforzo importante na actuación do persoal de bombeiros en accidentes de tráfico, excarceracións, levantamento de obxectos pesados (por exemplo tractores), corte de elementos e outras utilidades.