Brais Costas Fragueiro, un estudante de 10 que quere ser profesor de galego

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Brais Costas cunha camisola de Rosalía de Castro, xunto co seu irmán.

Chámase Brais Costas Fragueiro, ten 18 anos, é da parroquia baionesa de Baredo e pode presumir de obter a mellor nota de toda Galicia nas recentes probas de acceso á Universidade (ABAU), coñecidas anteriormente como Selectividade. O 60% da nota é o Bacharelato, onde ten un 10, e o 40% restante a parte xeral e obrigatoria, onde conseguiu un 9,94, sendo a máis alta da provincia de Pontevedra e a segunda de Galicia, tan só superada en dúas décimas por un estudante de Boiro. Sumando a parte voluntaria, de catro puntos, a nota global de Brais foi de 13,94 de 14, fronte á de 13,86 do boirense, sendo así a máis alta de toda a comunidade.

Brais estudou Primaria no CEIP de Fontes-Baíña e a ESO e o Bacharelato no IES Primeiro de Marzo. O próximo curso irase para Santiago de Compostela a estudar Filoloxía Galega, co obxectivo de converterse en profesor, xa que “o galego é o que máis me gusta” e defende contra vento e marea para que non se perda porque “sería unha pena”. O de ensinar vénlle de lonxe. Lembra que cando era pequeno ensinaba á súa bisavoa todo o que aprendía na escola, xa que “era moi intelixente pero daquela non tivo a sorte de poder ir o tempo que quixese á escola”.

Aínda que para el “non é unha cousa doutro mundo”, asegura que se sente moi arroupado. “Todos están a darme a noraboa, pero tampouco é para tanto”, mentres que na familia “están todos encantados, sobre todo este artista”, referíndose ao seu irmán pequeno. Asegura que para prepararse “ás veces hai que sacrificarse un pelín, pouquiño a pouco todos os días e cando son os exames, sacrificar unhas cantas tardes”, e mesmo “non saír esa noite, despois xa vén o verán e xa podes desfrutar”. Brais ata saca tempo para colaborar coa Parroquia de Baredo como Sancristán. Para as vacacións, espera gozar coa familia e cos amigos e tentará quitarse o carné de conducir. Confesa que á práctica tenlle un pouco de medo, “e iso que o meu pai é camioneiro”.

Falando dos seus profesores, está convencido de que teñen moito que ver na súa preparación. “Desde infantil sempre me atopei con verdadeiros profesionais que me fixeron amar a profesión, sempre axudando, botando unha man, animando, penso que foron fundamentais. Sempre hai por aí profes que dándoche clase os miras e dis ti que ben fixeron, canto nos ensinaron, a min tamén me gusta iso, por que non o vou a facer eu tamén, tentalo polo menos, e axudar aos novos que veñen, porque a educación á fin e ao cabo, é a base da sociedade”.

Aínda que non quere dar consellos, Brais cre firmemente en que “se te pos un obxectivo, todo o mundo pódeo conseguir, hai que insistir”. Agora quédanlle catro anos de carreira, un Master en profesorado e as oposicións para cumprir o seu soño.

Anuncios