Airiños da Lagoa celebra o seu XXI Festival Folclórico

FOTO: AIRIÑOS DA LAGOA // XX Festival Folclórico de Baíña.

A Asociación Folclórica Airiños da Lagoa, coa colaboración do Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra, organiza o vindeiro sábado, 2 de setembro, o XXI Festival Folclórico para conmemorar un ano máis o aniversario do grupo fundado en Baíña hai xa máis de dúas décadas.

Os grupos Airiños da Lagoa, Huelearomero e Sopetrán participarán nunha nova edición do Festival Folclórico de Baíña. As actuacións celebraranse na Praza do Concello de Baiona a partir das 22:00 horas.

“Todos os anos, a primeira fin de semana de setembro, organizamos o festival para celebrar o noso aniversario e sempre invitamos a dous grupos folclóricos de outras provincias”, apunta Diego Docabo, membro de Airiños da Lagoa, agrupación fundada en Baíña hai 21 anos.

Ademais de Airiños, participarán este ano Huelearomero, procedente de Cenicientos (Madrid), e Sopetrán, que chegan dende Almoharín (Cáceres), con preto de trinta compoñentes cada un.

No caso de que as condicións meteorolóxicas non o permitan, o festival trasladarase ás instalacións do Auditorio V Centenario de Baiona.

Anuncios