Deputación e Xunta fixan a folla de ruta para mellorar os servizos de emerxencias na provincia

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Carmela Silva e Luis Menor na rolda de prensa.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu hoxe acompañada do director xeral de Emerxencias da Xunta, Luis Menor, para explicar o acordo adoptado no pleno do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios, para a creación dunha comisión técnica propia de Pontevedra que analice as especificidades da provincia unha vez constituída a mesma comisión a nivel galego.

Carmela Silva subliñou a importancia deste acordo entre ambas administracións que garante o estudio en conxunto de aquelas necesidades específicas que ten a provincia de Pontevedra para mellorar o sistema de emerxencias e extinción de incendios e a correcta atención aos veciños e veciñas.

Recordou a Presidenta que xa no mes de xuño o consorcio provincial adoptara o acordo de crear unha comisión técnica entre Xunta e Deputación para estudar a mellora dos servizos prestados na provincia. Posteriormente a administración galega decidiu crear un grupo de traballo técnico a nivel de Galicia para efectuar este mesmo estudo e agora proponse que unha vez que, en breve, comecen os traballos do grupo galego que tamén pódase traballar no eido provincial pontevedrés cunha comisión que aborde as especificidades da provincia.

“É unha boa noticia que ademais do traballo e as liñas que a nivel de Galicia se establezan podamos na provincia de Pontevedra traballar xuntas todas as administracións para chegar a un acordo pleno para mellorar o servizo de emerxencias e contra incendios”, destacou Carmela Silva.

A Presidenta da Deputación recoñeceu que existe un problema na provincia de Pontevedra coas zonas de sombra que contempla o mapa de emerxencias e os tempos de resposta polo que se trata dun dos temas prioritarios que tería que abordar a comisión, ao igual que a mellora e optimización dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, que conclúe a súa vixencia a metade do ano 2018, “polo que é necesario saber como cubrimos o servizo que prestan estes equipos, mellorar e optimizar os seus recursos serán os temas que se abordarán nesta mesa”, sinalou Silva.

O estudo realizado polo xerente do consorcio de extinción de incendios servirá como base para este análise dos tempos de resposta e as necesidades para garantir unha correcta prestación do servizo e nunha segunda parte se abordará a financiación, tal e como manifestou Carmela Silva, que tamén recordou que o pleno celebrado con anterioridade á rolda de prensa aprobou o orzamento do Consorcio que para o ano próximo será de 3,3 millóns de euros que se financia ao cincuenta por cento pola Xunta e a Deputación.

Pola súa banda, Luis Menor, director xeral de Emerxencias da Xunta, subliñou que trátase dun grupo de traballo a nivel galego onde estarán presentes as catro deputacións, a Federación Galega de Municipios e Provincia (Fegamp) e a Xunta na que se abordarán as liñas xerais de mellora do servizo de emerxencias. As comisións provincias serán as que traten aqueles aspectos máis específicos de cada unha das catro provincias e que será nelas onde se plantexen aquelas solucións máis reais para arranxar os problemas detectados sobre as zonas de sombra e nos tempos de resposta dos servizos de emerxencias.