Sin categoría

Novas inundacións na rúa Ponte Nova de Sabarís

Na mañá deste domingo producíronse novas inundacións na rúa Ponte Nova de Sabarís (Camiño Real) por mor das intensas choivas. Como xa denunciou o pasado 20 de decembro a Asociación de Veciños Castro e Ladeira, a auga acaba alagando a estrada e entrando nas vivendas.

“Como se pode observar non está arranxado como dicía fai once días o concelleiro de Urbanismo, Jose Ángel Bahamonde, nas súas declaracións de que se actuou, segue o mesmo problema”, sinalan desde o colectivo veciñal.

Para Castro e Ladeira o problema é que as cunetas que recollen a auga de moitos barrios non dan abasto, coa consecuencia do desbordamento e entrando nas vivendas. “A solución sería actuando cunha obra menor por parte do Concello e seguen pasando de todo, por iso tivemos que chegar á vía xudicial. Esperamos que o arranxen con carácter urxente”.

“A indignación por parte dos veciños aumenta e cando veñen as choivas o medo máis, xa que no século que estamos non se poida estar tranquilo nin na túa propia vivenda”, conclúen desde a Asociación. Os veciños piden unha solución urxente ao problema.