Os datos de ocupación de setembro sinalan que “a provincia está de moda”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polos deputados e deputadas provinciais Chelo Besada, Javier Dios, Montse Magallanes e Uxío Benítez, presentou hoxe na sede da institución provincial en Vigo e ante os alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras do sur da provincia e o sector empresarial turístico, as conclusións da fase de concertación do Plan Estratéxico de Turismo para a provincia de Pontevedra para os anos 2017-2020. Para esta primeira fase, a institución provincial consultou aos concellos e á industria turística para coñecer a situación real do destino Rías Baixas e, unha vez postas en común todas as conclusións desta análise, establecer as bases das accións que se incluirán no documento final.

Carmela Silva sinalou que “o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 é fundamental na provincia porque nunca se formulara a necesidade de elaboralo” e, asegurou, “aínda que Rías Baixas é unha grande idea que nos situou no mapa, coxeaba de moitas cuestións” como, ademais da propia necesidade do Plan, “que as tarefas que desenvolve a Deputación de Pontevedra para fortalecer o turismo sostible se fixeran contando cos concellos, co sector privado e cos axentes turísticos”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “de nada valería facelo se saíra unicamente de nós, xa que quedaría nun papel e non estamos dispostas nin dispostos a perder o tempo nin os recursos”. “Queremos que este sexa o Plan Estratéxico non da Deputación de Pontevedra senón da provincia de Pontevedra, do seu sector turístico e dos seus concellos”, sinalou. Ao respecto dos gobernos locais, Carmela Silva asegurou que “son quen mellor coñecen as potencialidades do seu territorio e os sinais de identidade que queren promover para atraer turismo sostible e de calidade a curto, medio e, sobre todo, longo prazo”.

A Presidenta provincial tamén avanzou os primeiros datos que se manexan de ocupación durante o mes de setembro, malia que lembrou que son soamente provisionais. “Os datos sinalan que a provincia está de moda e que estamos tendo un crecemento espectacular”, asegurou Carmela Silva. Deste xeito (comparando cos datos de setembro de 2016) a comarca de Vigo mailo Val Miñor teñen unha ocupación do 76%, dous puntos por enriba, o Baixo Miño ten este ano un incremento de oito puntos situándose en preto do 70%, o Morrazo experimenta unha subida de nove puntos chegando ata o 62% de ocupación e, no caso do Condado e da Paradanta, malia que aínda non se teñen os datos, “un establecemento emblemático como o Balneario de Mondariz tivo unha ocupación do 75%, máis de 10 puntos por enriba”, sinalou a Presidenta provincial. Estes datos, declarou, “satisfannos moito pero abren os nosos ollos á responsabilidade de xestionar un crecemento tan espectacular”.

Carmela Silva agradeceu ao sector e axentes turísticos mailos gobernos locais pola “inmensa participación, a máis alta entre todos os plans que ten elaborado a empresa adxudicataria”, ao ter participado “54 dos 61 concellos e o 100% das empresas ás que se solicitou a súa participación”, o que para a Presidenta amosa “que hai interese, ocupación e preocupación por que as cousas se fagan ben”. Para a fase de concertación elaboráronse mesas de traballo, enquisas, entrevistas e reunións co obxectivo de identificar as potencialidades, debilidades, afoutezas e oportunidades da provincia a nivel turístico. “A partir de aí imos elaborar o Plan de forma inmediata, en outubro e novembro, para o que volveremos convocarvos cunha proposta para validar, ampliar e modificar o documento” que só se pode desenvolver deste xeito, sinalou Carmela Silva, “para que os recursos que poñamos á súa disposición teñan os resultados pretendidos”.

Non en van, a Presidenta provincial lembrou que o turismo xera 40.000 empregos, tivo 2.000 millóns de euros de facturación en 2016 e supón o 11% do PIB galego. “Temos que garantir a sustentabilidade, que o noso territorio manteña a súa riqueza, ofertar servizos de calidade moito máis amplos e ligados a todo o territorio, diversificar o territorio, traballar para a desestacionalización e facer un traballo de coordinación entre todas as administracións”. Ao respecto disto último, a Presidenta asegurou que “trátase de non dedicar recursos cada quen pola súa banda xa que, no canto dun efecto multiplicador, isto provoca un efecto de resta” e asegurou que “o Plan será un éxito porque, antes de ser aprobado, preguntarémonos que é o que achega cada quen nas accións que se contemplarán no documento”.

Carmela Silva sinalou algunhas das necesidades contempladas nas conclusións ás que chegou o conxunto do sector turístico, como a de actuar nas infraestruturas e nas conexións co aeroporto que acurten os tempos de chegada desde distintos puntos estatais e internacionais. A Presidenta provincial tamén valorou positivamente “a consciencia do propio sector privado da necesidade de coidar a relación entre calidade e prezo para non provocar efectos negativos a longo prazo”, a necesidade de “potenciar as experiencias da páxina web http://www.turismoriasbaixas.com para relacionarse entre si e poder ofertas paquetes” e a “enorme potencialidade que nos dá ser un territorio transfronteirizo con Portugal”, no que sinalou “a creación dunha AECT liderada pola área de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra a través do deputado Uxío Benítez” ou propostas desde os ámbitos locais como o de “construír unha ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira”.

Carmela Silva tamén sinalou “a necesidade de potenciar o interior, que non soamente significa unha paisaxe espectacular e recursos naturais inigualables, senón que a meirande parte das nosas potencialidades en patrimonio cultural e arquitectónico está situado nesas vilas”. Así, asegurou que “debemos deixar de chamalas do interior para falar dunha provincia rica en toda a nosa cultura”. “As novas directrices do desenvolvemento turístico van polo feito de que cada vez máis turistas reclaman ir a lugares que ofrezan diversidade e demandando cultura”, afirmou.

Trala presentación das conclusións en Pontevedra e en Vigo, a Deputación de Pontevedra volverá colaborar cos concellos e o sector privado da provincia para volver analizar estas conclusións antes do inicio da redacción do documento final, un Plan Estratéxico de Turismo para a provincia de Pontevedra que se elabora por primeira vez para o destino Rías Baixas, sendo ademais a primeira vez que na provincia de Pontevedra se reúne aos concellos e ao sector privado para falar da situación actual e do futuro da provincia de maneira conxunta. Ademais, Carmela Silva adiantou que “en novembro publicaremos os resultados dunha enquisa que fixemos aos nosos e nosas visitantes durante todo este ano para saber o que opinan e que non teñamos unha imaxe distorsionada do noso destino Rías Baixas”.

2017-09-28 - IMG_9278