49 orixinais concorren á décima edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo

O día 31 de xullo rematou o prazo de presentación ao certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns. A esta que xa é a décima edición concorren 49 orixinais.

A decisión do xurado será dada a coñecer na segunda quincena do mes de setembro e a entrega do premio terá lugar o día 18 de novembro no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.

Nas nove edicións anteriores resultaron galardoados as e os poetas: Carlos Negro con “Cultivos Transxénicos”, Mª Carmen Caramés con “Cuarto Minguante”, Elvira Riveiro e Silvia Penas con “Biografía da Multitude”, Mª Goretti Fariña con “Devastacións dispoñibles”, Carlos Solla con “Holocausto Zacoe”, Conchita Álvarez Lebredo con “Distancias e Simetrías”, Ramón Sandoval con “Territorios Estraños”, Lara Rozados con “O caderno amarelo”, Iñaki Varela con “Do outro lado das portas” e Xosé Iglesias con “A relixión do mar”.

Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural e foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Publicou en vida os poemarios “Abrente” (1922) e “Da vella roseira” (1925) e a obra narrativa “Da agra aberta, contos e lendas” (1956); deixou inéditos dous volumes de poesía, “Abicedo” e “Cabrinfollas”, que foron publicados en 2008 pola editorial Follas Novas, edición dirixida por Armando Requeixo; ademais conta con abundante obra espallada en diversas publicacións tanto galegas como da emigración americana. No ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do mundo da cultura.