O Vigo-Rías Baixas incorpora máis nivel profesional con Víctor Etxeberria

O gañador da xeral final do Trofeo Euskaldun 2019 defenderá a próxima tempada a camisola do Vigo-Rías Baixas. A entidade presidida por José Luis Chamorro incorpora ás súas filas a Víctor Etxeberria. O ciclista elite de Estella achegará ao conxunto flúor a súa calidade e a experiencia de militar con dous equipos profesionais.

Esta fichaxe únese ao doutras dúas adquisicións do club olívico que competiron ao máximo nivel: o uruguaio Mauricio Moreira e o abulense Noel Martín. No caso de Etxeberría, debutou no pelotón profesional co Euskadi en 2013 e durante as tempadas 2016 e 2017 pertenceu á estrutura portuguesa do Radio Popular-Boavista.

Aos seus 26 anos, o navarro buscará co Vigo-Rías Baixas seguir demostrando o seu talento para volver dar o salto de categoría. O seu palmarés outórgalle a condición dunha das grades referencias do campo amateur español. En 2015 adxudicouse a Volta a Palencia e este último ano impúxose na clasificación final do Trofeo Euskaldun, na xeral e nunha etapa da Volta a Ávila e na proba cántabra do Trofeo Cos.

Etxeberria aceptou a proposta do conxunto que prepara Marcos Serrano porque “é un equipo serio, con bo calendario e desde o noso primeiro contacto sentinme cómodo”. Procedente do Telcom navarro, está chamado a brillar tanto nas clásicas como nas voltas, pero prefire non marcarse ningún obxectivo en concreto e céntrase en “ser regular” ao longo do calendario 2020.

Coa súa sexta cara nova o Vigo-Rías Baixas segue alimentando a súa ambición de fronte ao próximo curso. O persoal xa conta cunha base de garantías á que se irán sumando máis corredores nas próximas semanas.

Anuncios