A Xunta saca a concurso a licitación de dous helicópteros do Servizo de Gardacostas

FOTO: ROSANA CALVO

O Consello da Xunta aprobou hoxe o inicio da tramitación da contratación dos servizos de operación e mantemento dos dous helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, para a prestación dos labores de vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento marítimo.

Este novo contrato, unha vez adxudicado, terá unha vixencia inicial de catro anos e o seu importe para este período é de case 33 millóns de euros. A empresa que resulte adxudicataria prestará o mesmo servizo de salvamento marítimo a través de medios aéreos que se vén desenvolvendo en Galicia desde 1990, garantindo a cobertura no litoral galego os 365 días do ano, as 24 horas do día, cun tempo máximo de resposta de dez minutos. Este novo contrato entrará en vigor o vindeiro 1 de novembro, xa que o actual aínda está vixente ata o 31 de outubro.

Entre as novidades introducidas no concurso, cabe resaltar que, respecto do actual contrato en vigor, recolle a obrigatoriedade de contar con 20 pilotos para atender o servizo aéreo de gardacostas, fronte aos 18 que se exixen na actualidade. Así, disporase de 2 pilotos máis a partir de novembro.

A Consellería do Mar xa sacara a licitación deste servizo no mes de abril deste ano. Tras quedar deserto, optouse por promover unha consulta pública ao mercado, co obxecto de solicitar información e definir mellor os aspectos técnicos e económicos deste novo contrato con respecto ao anterior.

Unha vez realizada a consulta pública, con base nos resultados acadados nela, procedeuse a axustar os importes estimados de custo do contrato e aproveitouse para modificar aqueles aspectos técnicos que redundasen no incremento da concorrencia e na mellora da prestación dun servizo único en España e cuns estándares de calidade superiores incluso aos de Salvamento Marítimo.

Neste sentido, convén lembrar que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun Servizo de Gardacostas e tamén a única que pon á disposición de Salvamento Marítimo do Estado os seus medios para actuar naquelas operacións e operativos nos que sexan requiridos. Este organismo, dependente da Consellería do Mar, encárgase da vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas. Para desenvolver os seus labores conta cos helicópteros Pesca 1, con base en Vigo, e co Pesca 2, con base en Celeiro. Ademais, dispón de diversos medios terrestres e marítimos distribuídos por todo o litoral galego.