Anuncios
Ticker de novas

O IES Terra de Turonio reitera a pasividade do Concello ante os problemas do centro

FOTO: IES TERRA DE TURONIO

O Consello Escolar do IES Terra de Turonio, na súa última reunión do 30 de xuño, acordou dirixirse á opinión pública para denunciar o total abandono por parte do Concello de Gondomar dos graves problemas de invasión da maleza e das árbores que están causando danos nas instalacións do centro.

Xusto hai un ano, a dirección do centro denunciaba esta situación despois de manter reunións co Concello. A partir desta denuncia dimitía o anterior concelleiro de Educación e Obras.

Tras varias comunicacións e reunións mantidas coa actual concelleira de Educación, Iria Lamas, os problemas de falta de limpeza e de invasión de maleza e árbores continúan.

O Consello Escolar denuncia tamén a falta de asistencia da representante do Concello ás reunións deste órgano. Aínda así, as resolucións deste órgano comunícanse aos seus membros.

Neste momento a invasión de árbores sobre a cuberta do pavillón deportivo do instituto non só causa un prexuízo económico ao centro senón que deteriora a súa cuberta e mesmo pon en perigo a construción tal como aconteceu coas gradas do campo de fútbol. “O Concello ten a responsabilidade sobre os posibles danos que poidan acontecer con estas árbores sobre as instalacións do centro”, sinalan desde o Consello Escolar.

Desde entón, seguen sen resolverse os principais asuntos que foron reiterados polo Consello Escolar no mes de novembro:

1. A expropiación da finca de entrada ao aparcadoiro dos autobuses para que haxa un mellor tránsito e, por tanto, mellorar a seguridade.

2. Facer unha saída á pista que remata na entrada do centro  para unha mellor circulación de vehículos. A entrada do centro presenta un estado lamentable, impropio dun centro educativo, con excrementos e barro na propia entrada.

3. Traer os colectores á entrada do instituto.

4. Asfaltar os baches de entrada ao centro e ao aparcadoiro.

5. Pintar as raias do aparcadoiro.

6. En canto á canceira que levamos aturando tantos anos, de entrada, supervisar e sancionar as actividades insalubres e molestas que produce e estudar unha nova situación para ampliar o aparcadoiro do profesorado. As árbores deste canil invaden o aparcadoiro do centro e mesmo causan danos nos vehículos.

Anuncios