Sin categoría

Máis de 400 estudantes do Val Miñor non dispoñen de transporte público á Universidade de Vigo

Este mércores tivo lugar o pleno ordinario da Mancomunidade do Val Miñor en Baiona. Ademais de aprobar o pago de facturas por importe de 5.000 euros, aprobouse por unanimidade unha moción de Manifesto Miñor, presentada por Antonio Araúxo, instando ao goberno supramunicipal a realizar as xestións necesarias co fin de conseguir que a comarca conte cun transporte de viaxeiros ao Campus Universitario de Vigo, para alumnos e persoal.

“A proximidade xeográfica do Campus da Universidade de Vigo ao Val Miñor debería de ter provocado ao longo destes anos unha relación ou interacción entre esa institución universitaria e a nosa comarca de grande proveito e beneficio mutuo, máis alá do feito evidente que supón a facilidade de poder estudar a centos de mozos e mozas miñoráns”, sinala Araúxo.

Na actualidade estudan no Campus de Vigo 408 alumnos e alumnas da comarca: 101 de Baiona, 116 de Gondomar e 191 de Nigrán, a maiores de ducias de profesores e profesoras, e persoal non docente que tamén son veciños miñoráns.

“Todo isto podería incrementarse moito máis se dende o Val Miñor existira un trasporte regular de viaxeiros, con horarios axeitados ás necesidades de todo este potencial humano barato e de calidade. Ademais do aforro que suporía para moitas familias que, na maioría dos casos tiveron que mercar un coche para que os seus fillos se puideran desprazar á UVIGO, podería converter ao Val Miñor nunha comarca de residencia universitaria de grande calidade de vida e atractivo, axudando a desestacionalizar o período vacacional do verán”, engade o concelleiro de Manifesto Miñor.

A Xunta da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor acordou coa aprobación desta moción iniciar as xestións pertinentes coa Universidade de Vigo, coa Federación de ANPAS do Val Miñor, coas organizacións estudantís, coas empresas de transporte, etc., coa finalidade de estudar e valorar a creación das liñas de transporte ao Campus da Universidade de Vigo en Lagoas-Marcosende que se consideren necesarias.

Moción sobre o antigo hospital do Rebullón

Por outra banda, a maioría do plenario (PP-PSOE) acordaron deixar sobre a mesa outra moción, tamén presentada por Manifesto Miñor, na que se instaba á Xunta de Galicia a darlle ao vello hospital do Rebullón un uso sociosanitario antes de que se acabe de deteriorar.