Anuncios
Ticker de novas

Gondomar recibe a visita da campaña de “Separemos ben, reciclaremos mellor”

O Concello de Gondomar recibirá este venres día 24 de febreiro a visita da campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, unha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que conta coa participación e o apoio de Ecoembes, Sogama e diversos Sistemas Integrados de Xestión de Residuos.

Equipos de educadores ambientais especializados na materia desprazaranse ao municipio para informar e formar á poboación na correcta xestión dos residuos urbanos, dando a coñecer as claves, os xestos e os comportamentos que lles permitan reducir a produción de lixo, tendo en conta de que o mellor residuo é o que non se produce, pero tamén alongar a vida útil dos produtos, propiciando o seu máximo aproveitamento, e separalos por tipoloxías, depositándoos nos colectores correspondentes para garantir a súa reciclaxe: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e colector verde xenérico, para a fracción resto.

Os monitores cunha aula móbil estarán entre as 10:00 e as 14:00 horas na Praza do Concello.

Diálogo construtivo

A xornada, aberta a todo tipo de público, será aproveitada igualmente para escoitar aos veciños, resolver as súas dúbidas e asesorarlles sobre a mellor forma de xestionar os refugallos, tendo en conta as particularidades da área xeográfica na que habitan. Neste sentido, e no caso das vivendas unifamiliares que dispoñan de horto ou xardín, unha magnífica alternativa para dar tratamento á materia orgánica é a compostaxe doméstica, converténdoa nun abono natural de excelente calidade.

Os que se acheguen ao momento informativo serán gratificados con diverso material divulgativo e de merchandising, e os que así o queiran poderán someterse a enquisas de satisfacción, voluntarias e anónimas, nas que deixarán constancia dos seus coñecementos en xestión de residuos, pero tamén dos seus comentarios e observacións para a súa posterior análise.

Desde mediados do pasado ano, Oportunidades Galicia chegou coas súas mensaxes a múltiples escenarios: centros escolares, concellos, asociacións e mesmo competicións deportivas. Calquera ámbito é bo e apropiado para requirir a colaboración da poboación na consecución do seu principal obxectivo: incrementar as taxas de reciclaxe na nosa comunidade.

Anuncios