O dispositivo de vixilancia sen precedentes posto en marcha polo Concello de Nigrán en Praia América e Panxón deu resultado. Milleiros de mozos e mozas encheron o areal, sobre todo na contorna da desembocadura do río Muíños, para celebrar a noite de San Xoán, iso si, sen cavar os grandes buratos que nos últimos anos se estendían por practicamente toda a praia.
Unha decena de voluntarios pertencentes a Amigos da Terra percorreron Praia América e Panxón con sacos que entregaron aos grupos de asistentes ao tempo que lles informaban do dano que supón deixar lixo ou cavar buracos (máis alá das multas económicas que están contempladas). O obxectivo é que depositen nestes sacos todos os residuos que xeren durante a noite e que, ao rematar, os deixen nos contedores dispostos nas entradas á praia.
Este ano a recomendación transformouse en prohibición, así, por vez primeira acudiu a Unidade Pegaso da provincia de Pontevedra ampliada con axentes desprazados ex-profeso desde a unidade central de Madrid co obxectivo de vixiar con drons todo o areal e incluso as calas máis afastadas de Monteferro ou Lourido.
Máis de 200 persoas entre Policía Local (Policías Locais de Ponteareas, Vigo, Tomiño, Gondomar, Porriño, Baiona, Redondela, A Guarda e Bueu uníronse ao dispositivo de seguridade), Garda Civil, Seprona, Policía Autonómica, GES, Protección Civil e axentes de Tráfico traballan coordinados para que a festa transcorra sen incidentes e, sobre todo, para acabar coa costume dos últimos anos de facer grandes buratos.
Desde o mediodía tamén estivo Protección Civil controlando os diferentes accesos ao areal para que non se entrase con calquera aparello que sirva para facer buratos ou grandes fogueiras, informando á Policía Municipal en caso de que fora necesario e repetíndose esta mensaxe por megafonía desde o sábado.
As multas por desobedecer ascenden de 100 € a 3.000 € en caso de ser leves e ata 200.000 € de ser catalogadas como graves, xa que poden estar infrinxíndose desde leis de conservación deste espazo natural protexido a leis de seguridade cidadá, podendo incluso incrementarse moito a contía. Paralelamente, os drons da unidade Pegaso estiveron funcionando desde primeira hora da tarde para detectar aos grupos que, pese ás advertencias, desobedeceran a norma.
A maiores, como vén sendo habitual, a zona deportiva de Gaifar conta cun hospital de campaña e un Punto Violeta de atención a posibles casos de violencia de xénero e, como cada ano, as dunas quedaron pechadas perimetralmente para impedir o paso e iluminadas para mellorar a vixilancia, con unidades do Seprona colaborando. A Garda Civil de Tráfico “blindou” o municipio con controis de alcoholemia para impedir que ninguén conduza baixo o efecto do alcohol ou outras substancias, aspecto este último que vixiará especialmente a Policía Nacional.







