O pasado 17 de xuño fixo un ano da toma de posesión como Alcalde de Gondomar de Paco Ferreira. Tempo abondo para termos unha perspectiva aproximada de como vai decorrer o novo mandato máxime, se temos en conta que este é o terceiro do Sr. Ferreira só que desta vez a veciñanza retiroulle a maioría absoluta. Un feito relevante se temos en conta “as grandes obras” vendidas con grande alarde propagandístico en medios de comunicación e nas redes sociais. Á vista están os escasos réditos electorais acadados, que para Manifesto Miñor ten que ver por seren actuacións realizadas sen ter en conta as demandas ou os intereses reais da veciñanza, principalmente das parroquias, e sobre todo por rexeitar, cando non desprezar, o diálogo e o consenso coa veciñanza, cos axentes sociais e cos grupos municipais da Corporación Municipal.
No que vai deste ano de mandato e coas obras financiadas pola anterior Deputación “amiga” case rematadas e sen nada lustroso que vender á vista, o Sr. Ferreira pretende agochar con cortinas de fume a súa incapacidade de xestión municipal que agora vese de maneira descarnada. Asuntos máis propios da sección “ecos de sociedade” do vello xornalismo, como a “Ruta Moteira 313” ou, a súa omnipresencia en canta festa, evento, procesión, etc. así nolo demostran. As viaxes a Fitur con séquito municipal pero coas mans baleiras, ou a Italia co GDR sen que saibamos que iniciativas de Gondomar presentou alí ou, que experiencias trouxo que nos poidan ser de utilidade, son outro exemplo palmario da improvisación dun goberno municipal sustentado na propaganda sen ideas e sen proxecto para Gondomar.
A situación de parálise municipal ten a súa orixe na prepotencia e na incapacidade manifestas do Sr. Ferreira para dialogar/consensuar ou aceptar as propostas dos demais grupos municipais cando son beneficiosas para Gondomar. Prepotencia que tamén practica na relación cos seus propios concelleiros desautorizándoos e controlando até o absurdo o traballo e as propostas dos mesmos. Dos técnicos municipais idem de lenzo, só lles fai caso por imperativo legal e as máis das veces levanta aqueles reparos que cuestionan as súas propostas dende a legalidade.
A día hoxe nada cambiou no modus operandi do Sr. Alcalde malia que a cidadanía lle retirou a confianza que tiña en forma de maioría absoluta. A conclusión é a dun ano perdido e non ten pinta de que vaia cambiar a súa actitude. Dende Manifesto Miñor levamos facéndolle propostas de todo tipo, as máis delas demandas históricas, que lamentablemente acaban todas durmindo o sono dos xustos nas gabetas da Alcaldía: Paseo Fluvial, Fábrica da Luz, Parque de Autocaravanas, a Vila de Gondomar morre sen que o goberno municipal faga nada pois cómpre un tratamento coma un conxunto, saneamento nas parroquias, Polígono Industrial da Pasaxe, Regulamento de Participación Cidadá, PXOM, municipalicización da auga pública… Nin un papel moveu en todo isto. Paco Ferreira foi unha sorte de “delegado da Deputación que investía alí onde a el lle conviña, ben para entender a súa clientela política, ben para lucimento persoal, o de menos era a utilidade dos investimentos.
Gobernar un concello é moito máis que ocupar a cadeira da alcaldía. É liderar un proxecto de futuro para Gondomar, participado por todos os axentes sociais e pola propia corporación municipal. A elaboración dun Orzamento Municipal, documento básico da expresión política en cifras, que ademais de servir para unha fiscalización democrática do goberno e implicar o cumprimento dos compromisos adquiridos, é unha obriga política e moral que o Sr. Ferreira leva anos incumprindo.
Neste momento a xestión das grandes prioridades do Concello de Gondomar non existe. Por poñer un exemplo, cando botou fóra do Goberno Municipal a Manifesto Miñor comprometéndose el mesmo coa Área de Urbanismo para sacar adiante o PXOM e anunciando que nun ano estaría en marcha, cinco anos despois do PXOM nada se sabe e o urbanismo de Gondomar segue con máis precariedade xurídica, e por enriba sen delimitar núcleos que axuden a paliar a situación de parálise na que estamos.
As obras para evitar as enchentes na Vila están paralizadas (senón perdidas) por mor do enfrontamento do Sr. Alcalde coa Xunta de Galicia. Coas da primeira fase do Polígono da Pasaxe pasa o mesmo, a falla de diálogo coas partes que interveñen neste asunto tan complexo e o desprezo pola proposta de Manifesto Miñor no sentido de negociar coa Xunta de Galicia para que se gafa cargo da xestión do Polígono, deu como resultado unha adxudicación de obras en precario que a día de hoxe xa está xudicializada. De novo fotos e propaganda no canto de traballo e discreción, chegando ao disparate de poñer un cartelón falseado anunciando o comezo das obras tres días antes das eleccións municipais.
O novo mandato comeza con malos augurios cun alcalde enrocado na súa prepotencia, sen o paraugas da Deputación amiga, enfrontado ás diferentes consellarías da Xunta, sen maioría absoluta e con disidencias que xa transcenden dentro do propio grupo de goberno, que por enriba non ten unha maioría absoluta para disimular esa carencia de xestión.
Dende Manifesto Miñor seguiremos traballando no sentido de facer propostas en positivo en permanente diálogo coa veciñanza de Gondomar, e reiteramos a oferta que hai un ano lle fixemos ao PSOE: se o Sr. Ferreira se aparta, en 15 días Gondomar pode ter un Goberno Municipal en maioría absoluta, plural, solvente, con capacidade de xestión e de diálogo e con ideas e forzas para acometer as necesidades reais que temos coma concello e coma sociedade.
Antonio Araújo e Rocío Cambra Castro. Concelleiros de Manifesto Miñor.

