Sin categoría

Carlos Gómez define o caso da policía local e as multas como de “acoso e persecución”

Carlos Gómez mostrou este xoves en rolda de prensa un dobre sentimento polo caso da policía local e as multas que lle levaron a xuízo que definiu como de “acoso e persecución cun alto coste persoal e político”. Por unha banda, dixo sentirse moi satisfeito porque a xustiza deulle a razón, “aínda que sinto indignación ante os que se negan a aceptar a separación de poderes e intentan utilizar a estruturas xudiciais para conseguir os seus obxectivos. Cren que seguen a vivir na Baiona da ditadura”. Gómez explicou que ata que chegou á Alcaldía ninguén tiña enfrontado de forma clara a problemática xerada por un grupo de axentes “que se crían os donos do pobo e con actuacións que veciñas e veciños soportaban con impotencia”. “Era intolerable. Tentamos falar con eles, chegar a acordos pero foi imposible, foron a por mi como alcalde”.

O dirixente socialista que, emocionado, pediu desculpas á súa familia, ao seu grupo, ao seu partido e á veciñanza, “porque ao principio comprendo que se xeraran dúbidas”, transmitiu todo o apoio do seu Grupo á nova Xefatura da Policía Local e pediu ao goberno de Almuiña e á xente “que se sumen á loita para ter unha policía con vocación de servizo que garanta co seu traballo a seguridade e o benestar de todas e todos”.

Pola súa banda Luis Piña, Secretario de Organización do PSdeG-PSOE na provincia, felicitou a Gómez en nome do partido. “Sabíamos que a xustiza daríalle a razón e sempre tivo o noso apoio. O PP, afirmou, é especialista en crear esterqueiras e este caso foi unha mentira para intentar danar ao alcalde e adulterar a campaña das municipais. O mínimo que poden facer é pedirlle desculpas. Carlos é un home honrado, o futuro de Baiona pasa por el”.