Baiona dedicará a rotonda da Ladeira a Manuel Quintas, “O Ferreiro” de Sabarís

A rotonda de acceso ás instalacións do Cámping Bayona Playa na PO-552 situada na Praia da Ladeira foi o espazo público elixido polo Concello de Baiona para honrar a Manuel Quintas, “O Ferreiro” de Sabarís. O Concello de Baiona aprobou a Concesión de Símbolos e Distincións a diferentes persoas, entidades e agrupacións pola súa achega á Vila entre as que se atopaba “O Ferreiro” pola súa achega como artista altruísta o pasado ano. Hoxe, 3 de abril, volveu convocar a Comisión de Honras e Distincións con motivo de aprobar este novo emprazamento para homenaxear a figura de Manuel Quintas e darlle maior relevancia, xa que o ano pasado acordouse como espazo público a zona axardinada da coñecida como “Casa Rosa” de Sabarís. O novo equipo de goberno municipal, coa nova localización na rotonda, quere dar continuidade así á liña de tematización das glorietas de acceso ao municipio de Baiona situadas en Sabarís, que levaban o nome de persoas vinculadas coa parroquia que deixaron a súa pegada entre os veciños.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destaca que “O Ferreiro” de Sabarís era toda unha personalidade no municipio de Baiona, moi querido e apreciado polos seus veciños, unha persoa sempre disposta a colaborar de forma desinteresada. Un ano despois materializarase o recoñecemento co nomeamento deste espazo público da Parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, un enclave moi próximo á propia vivenda na que residiu Manolo ata a súa defunción”. Manuel Quintas Vergara faleceu o 27 de outubro de 2017 aos 76 anos. Aínda que a súa profesión era a de ferreiro, todo un mestre na fundición, o seu traballo excedeu en moito o seu oficio. Imbuído por un espírito artístico, Manuel Quintas dedicou gran parte do seu tempo libre á escultura en pedra, unha técnica que chegou a dominar con extraordinaria pericia. A pegada do seu incansable traballo está presente hoxe en toda a comarca do Val Miñor.

Colocarase unha estatua realizada pola Escola de Canteiros de Poio cuxa xestión está agora na Xunta de Galicia, antes pertencía á Deputación de Pontevedra. Trátase dunha estatua corporal, labrada en pedra, que representa a figura completa dun ferreiro no seu labor, poñendo así de manifesto o labor de “O Ferreiro”. Presenta unha base de 120 x 85 cm e unha altura total de 1,80cm. Dáse continuidade así á liña de tematización das glorietas de acceso ao municipio de Baiona situadas en Sabarís que levaban o nome de persoas vinculadas coa parroquia que deixaron a súa pegada entre a veciñanza. Así ocorreu no ano 2009 como a Glorieta Xeneral Santos Peralba, cuxo monumento, que consta dun á dun avión militar F86 Sabre e unha hélice de aeronave Piper Navajo, lembran ao nomeado como Xefe do Estado Maior do Exército do Aire en 1984 coñecido como “Cholo”, en recoñecemento por levar o nome de Baiona ata as máis altas instancias.

No seu día o Concello de Baiona quixo render unha “xusta homenaxe” a un dos seus fillos predilectos, José Santos Peralba Giráldez, coñecido como “Cholo”, pola súa impecable traxectoria militar e a súa intensa relación con Sabarís, o barrio que o viu nacer. Do mesmo xeito, esa “xusta homenaxe” chégalle a Manuel Quintas Vergara, “O Ferreiro” de Sabarís.