Sin categoría

O bispo e sete sacerdotes celebran as súas vodas sacerdotais de prata, ouro e diamante

Francisco José Cabaleiro Lorenzo, párroco nas parroquias de Baredo, Baíña e Belesar, celebrou este luns xunto con outros seis sacerdotes e o bispo da Diocese de Tui-Vigo, as súas vodas sacerdotais, no seu caso, as de prata (25 anos). Ordenado sacerdote en 1999, en Tui, desde o ano 2008, é capelán do Hospital Meixoeiro e, desde 2015, párroco nas parroquias de Baredo, Baíña e Belesar. Anteriormente, exerceu o seu ministerio como vigairo parroquial de San Ignacio de Loyola e A Nosa Señora das Neves en Vigo; ademais, foi arcipreste de Vigo-Teis.

Cada ano os sacerdotes e seminaristas reúnense en Tui o 13 de maio para revivir, como se fixo en 1921, a consagración do Seminario ao Corazón de Xesús. Recentemente converteron tamén esa ocasión en escusa para felicitar e homenaxear aos compañeiros presbíteros que no ano celebren as súas vodas sacerdotais de diamante, ouro e prata. Este ano correspondeu homenaxear ao bispo e a sete sacerdotes máis.

O programa iniciouse ás 11:00 horas, no salón de actos do Seminario Menor, cunha conferencia a cargo do profesor Antonio Ávila Blanco, licenciado en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Teoloxía catequética pola Universidade Pontificia de Salamanca, na que abordou diferentes propostas de futuro para superar o desgaste e o cansazo do clero. Ás 12:15 horas, na anexa igrexa de San Francisco, celebrouse a eucaristía tras a cal tivo lugar a renovación da consagración ao Corazón de Xesús ante a centenaria imaxe erixida no claustro do Seminario tudense. Concluíu a xornada sacerdotal cunha comida de confraternidade, ao final da cal se homenaxeou, entre recordos e bromas, ao bispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro, polo 25 aniversario da súa ordenación episcopal, e a sete sacerdotes desta diocese que, este ano, celebran as súas vodas sacerdotais.

Seguramente nas súas respectivas parroquias ou comunidades nas que serven estes sacerdotes recibirán posteriormente, na data adecuada, a felicitación polos seus anos de entrega. Celebran as súas Vodas de Diamante (60 anos): Antonio Estévez Fernández, Jesús García Villadóniga, José Luís Rodríguez Grande e Julio Montero Álvarez. Vodas de Ouro (50 anos): Ángel Marzoa Rodríguez. Vodas de Prata (25 anos): Francisco José Cabaleiro Lorenzo e Manuel Lage Lorenzo.