
A Escuadra Vigo Clásicos organiza o vindeiro sábado 7 de maio a quinta edición da Clásica Manuel Alfaro, un evento non deportivo consistente nun percorrido para vehículos históricos por Nigrán, Gondomar, Tomiño, O Rosal, Tui e Oia, coa participación máxima de 50 vehículos, todos con máis de 25 anos de antigüidade, e no que se establecerá unha clasificación de regularidade cunha velocidade media inferior a 50 Km/h.
Cunha quilometraxe aproximada total de 130 km, o evento desenvólvese en estradas abertas ao tráfico normal e os participantes deberán cumprir, en todo momento, a Normativa de Circulación. Os vehículos participantes sairán cun intervalo entre eles, tratando de evitar no posible a formación de caravanas durante o percorrido, polo que non son imprescindibles as medidas de sinalización do evento, xa que a marcha dos vehículos participantes non altera a circulación doutros vehículos pola vía pública.
O custo de inscrición por equipo é de 100 €. A inscrición, que poderá formalizarse ata o 4 de maio, inclúe documentación, número, cea para dúas persoas e recordos do evento. A entrega de acreditacións, documentación, etc. realizarase no Torreiro de “As Angustias” en Nigrán, no que os vehículos participantes comezarán a concentrarse desde as 13:00 horas. A saída do primeiro vehículo será ás 16:00 horas, para finalizar cun aperitivo, unha cea e entrega de recordos no Restaurante “Lugar” en Oia.