Sin categoría

Nigrán convoca en Patos unha xornada de eliminación da margarida africana

O Concello de Nigrán convoca este domingo 19 de maio a unha xornada de limpeza da especie invasora margarida africana a partir das 10:30 horas na praia de Patos (punto de encontro na zona do aparcadoiro das escolas de surf). Durante a mesma, os especialistas que guiarán a xornada farán unha breve explicación da flora dunar, a súa fraxilidade e importancia, así como as especies máis representativas e as súas ameazas. En tempos recentes aumentou a presenza de margarida africana en toda Galicia, atopándose varios grupos moi extendidos na praia de Patos e afectando directamente a varias especies raras ou ameazadas das dunas galegas por competencia de espazo físico e alteración do medio.

A retirada manual ou con ferramentas de cultivo como anciños é unha das mellores opcións para a erradicación desta especie. Para iso débense comezar os traballos de retirada no límite exterior da zona invadida, e ir avanzando progresivamente cara ao interior. No caso de plantas sen rizomas, a terra que rodea a raíz debe ser apartada para intentar retirala en toda a súa extensión. Nos casos en que a planta presente estolóns ou rizomas, deberase tirar suavemente do estoló ata detectar onde enraíza. Nese punto débese apartar a terra de arredor do nódulo, extraendo a raíz, se pode ser, intacta. Todos os fragmentos da planta deben ser retirados, xa que os talos teñen capacidade para reabrollar se se deixan nunha zona húmida. Hai que ter en conta que o centro da zona invadida presentará as plantas máis antigas que van ter sistemas radicais máis profundos. Ademais, a densidade nestas zonas centrais é, normalmente, maior que na periferia.

Esta planta é orixinaria de Sudáfrica (zona do Cabo) e foi introducida para uso ornamental, en Portugal tense constancia da súa existencia a partir do ano 1800 e en Galicia desde 1900. A especie propágase facilmente en zonas alteradas costeiras e o uso intensivo dos areais costeiros favorece a súa expansión, ocupando o lugar ecolóxico de numerosas especies dunares autóctonas. Compórtase como invasora en diferentes lugares do mundo, como nos Estados Unidos, Australia, Nova Celandia, Xapón ou América do Sur. Na península Ibérica atópase no litoral cantábrico, atlántico e en menor medida no Mediterráneo.