O Concello de Nigrán propón iniciar a Semana Santa este sábado 23 de marzo en Xapón sen necesidade de desprazarse do municipio. Esta “viaxe intercontinental” gratuíta será posible grazas a “Nihon-Nigrán”, o primeiro evento do Val Miñor dedicado íntegramente á cultura pop xaponesa e que terá lugar durante todo este día coincidindo co inicio das vacacións escolares. Cosplay, gaming, artes marciais, manga, tendas especializadas, gastronomía oriental, mercadiño de segunda man, charlas, obradoiros… farán do Pavillón de Panxón (de 10:00 a 21:00 horas) o paraíso dos afeccionados á estética nipona. Todos os horarios das actividades están publicados en www.nigran.es.
“A mocidade de Nigrán demandaba un evento deste tipo e, precisamente, o podemos ofrecer grazas a especialistas da comarca que se envorcaron co Concello para poder organizalo”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a David Míguez (quen rexentou durante anos un bar temático en A Ramallosa), a coñecida cosplayer da comarca Melanie, e “H” (nickname dun especialista en cartas de rol que se coñecen como “Magic”). A eles tres súmase a propia Escola Municipal de Cómic de Nigrán, con moito alumnado interesado no mundo manga e anime (tipo de comic e ilustración propios de Xapón), coa súa directora Coral Martínez á cabeza. De feito, ela foi a responsable de realizar o cartaz “Nihon Nigrán”. “Baseeime na estética cyberpunk, onde as cores neón lembran a un universo dixital e futurista; a figura feminina é protagonista e leva complementos propios do cosplay e o manga (un brazo robótico e ás) e entre as súas mans invoca un mando de videoconsola e unhas cartas Magic, así todo o máis relevante deste evento queda plasmado nunha soa imaxe”, resume.
A feira, en definitiva, está pensada para que desde o momento en que un acceda ao Pavillón de Panxón se somerxa na cultura máis pop de Xapón a través de infinidade de opcións: desde obradoiros manga a charlas sobre diferentes aspectos vinculados coa temática da feira, explicacións de diferentes xogos de mesa ou das cartas Magic, posibilidade de probar videoxogos (Tekken, Lol, Smash), lettering xaponés, exposición do museo do MUVI (museo do videoxogo de Cangas)… E, entre as actividades máis chamativas, figurará o concurso de cosplay (representación de personaxes, moi habitualmente de cómics manga ou anime) cos cosplayers máis destacados de toda a comarca ou as demostracións de artes marciais (ninjutsu, jiu-jitsu, sonbae Gumdo, Kung Fu).
“É o noso primeiro evento pero a idea é mantelo cada ano e ir mellorando en cada edición tendo en conta que nos estreamos dunha maneira moi ambiciosa, abarcando moitísimas temáticas”, resume o rexedor.



