Sin categoría

Nigrán, candidato oficial a obter o selo “Cidade Amiga da Infancia”

A participación da rapazada de Nigrán no Parlamento de Galicia, no marco do XI Foro Infantil de Unicef, viu acompañada da nova que máis desexaban: o Concello de Nigrán, tras anos de intenso traballo, está xa oficialmente a un só paso de ser declarado como “Cidade Amiga da Infancia”. Esta disposición transitoria outorgada a Nigrán, significa que, de seguir implementando o seu “Plan Local de Infancia e Adolescencia”, poderá solicitar o recoñecemento como máis tardar no 2026, sendo intención do Concello facelo no 2024. A condición a outorga UNICEF España, xunto co Ministerio de Juventud e Infancia, a Federación Española de Municipios y Provincias e o Instituto Universitario de “Necesidades y Derechos de la Infancia y la Adolescencia” a aqueles que superen un proceso de avaliación.

A resolución foi tomada este luns en Madrid pola Secretaría Permanente de iniciativa de Ciudades Amigas de la Infancia, admitíndose en Galicia a Nigrán, Burela e Viveiro entre 25 municipios de toda España como candidatos oficiais a obter o selo CAI (outorgado de xeito bianual e cunha vixencia de 4 anos e que en Galicia dispoñen actualmente Moaña, Moeche, Redondela, Teo e Tomiño, sumando en toda España 301 entidades locais).

“Recibimos onte oficialmente a nova e non podemos estar máis contentos porque se constata o traballo feito e nos anima a continuar así para, no 2024, obter o recoñecemento oficial. Ao fin de contas trátase de seguir facendo partícipes aos nenos e adolescentes da vida municipal, queremos darlles voz para que eles tamén teñan dereito a opinar e decidir”, explica o alcalde, Juan González, sobre este selo que, precisamente, ten como obxectivo promover o desenvolvemento, mellora e innovación continua nas políticas de infancia e adolescencia no ámbito local (por esta razón, o Concello creou no 2021 o Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán). “O selo non se consigue nun día. Levamos anos de traballo para cumprir con todos os requirimentos esixidos e agora se materializa nesta resolución”, incide González.

Parlamento de Galicia

No marco do Día Mundial da Infancia e da Convención dos Dereitos do Neno, a rapazada de Nigrán participou un ano máis no “XI Foro Infantil Unicef” celebrado no mediodía deste martes no Parlamento de Galicia. Nunha sesión plenaria protagonizada por representantes de Consellos de Participación Infantil e Xuvenil de 12 municipios de toda Galicia, a rapazada reflexionou sobre a protección e a prevención da violencia. Por parte de Nigrán acudiron 9 nenos e nenas membros do Consellos de Participación Infantil e Xuvenil acompañados do rexedor e a edil de Educación, Estela Pérez, actuando Martín Rey (IES Val Miñor) como voceiro. El foi o encargado de expoñer as vivencias do “III Encontro Galego de Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente” celebrado o 18 e 19 de novembro na Residencia de Tempo Libre de Carballiño e que o vindeiro ano terá lugar, precisamente, en Nigrán. Alí, coa axuda do ilustrador Leandro Lamas, realizaron un cadro colaborativo co que agasallaron ao Parlamento. “Quixemos plasmar esta idea de que a participación infantil é fundamental, e reivindicar que se dea voz aos nosos dereitos, ás nosas inquedanzas e ás nosas formas de ser”, sinalou ao respecto.