O Concello de Nigrán colabora coa Comisión de Festas de San Roque de Camos para ofrecer “Cam Art”, o primeiro festival da parroquia de Camos dedicado ao reggae, hiphop e dancehall. A cita é este sábado 16 de marzo na Asociación de Veciños de Camos (Vilar, 19) con apertura do recinto ás 16:00 horas. Alí terá lugar a primeira edición do Cam Art Festival, un evento que reúne a diversos músicos entre os mellores representantes do xénero en Galicia.
O reto é atraer á contorna rural do Val Miñor a un milleiro de afeccionados a ritmos eminentemente urbanos. O cartel está encabezado por Ganjahr Family, grupo baionés caracterizado polo seu son de inspiración xamaicana; actúan tamén o rapeiro pontevedrés Soulmacklein (Delahoja) e o cantante navarro afincado en Sanxenxo Crespo “El Santo” e aos pratos, DJ Limbo abrirá o festival e DJ Mil poñeralle o broche final cunha sesión bailable.
Ademais, o Cam Art Festival incluirá actividades paralelas como grafiti en vivo a cargo do gondomareño Gory e un espectáculo de lume. As entradas están á venda en liña a 7 euros, e serán 10 € en despacho directo de billetes.

