O parque acuático de Praia América denuncia que unha sabotaxe provocou que cinco módulos quedasen á deriva

Un inchable de grandes dimensións e destinado ao uso lúdico fixo saltar as alarmas este domingo sobre un posible bote salvavidas na costa guardesa. Salvamento Marítimo solicitou a través do 112 Galicia colaboración dos medios de emerxencias para poder comprobar o estado desa suposta embarcación, que resultou ser un obxecto inchable de grandes dimensións procedente de Praia América, en Nigrán.

Así, pois, co persoal de salvamento colaboraron os membros do GES da Guarda e os axentes da Policía Local de Nigrán para coñecer a orixe do inchable. Mentres, un equipo a bordo da Salvamar Mirach trasladaba ao Porto da Guarda o obxecto para que ser recollido polos propietarios.

Os responsables de Playaland Aquapark, publicaron este luns un comunicado no que aseguran que o parque acuático foi saboteado na noite do sábado para o domingo. “Algún desaprensivo non lle debeu parecer suficiente o castigo pola situación que estamos a vivir polo Covid-19, que decidiu ir pola noite e cortar os cabos de contención dun lateral do noso parque, quedando 5 módulos á deriva”.

Afirman que tras recibir o aviso do vixiante e desprazarse ata a zona, atopáronse dous módulos na beira e outro cara á esquina de Praia América. Outro apareceu en Baiona, “que xa non dabamos crédito que puidese chegar tan lonxe”, e o último, estiveron ao buscar durante todo o día ata 15 km á redonda, sen sorte. “Chegamos á conclusión de que se afundiu e chamamos a un operario de dron para que peitease a zona para axudarnos na súa procura”.

Cal foi a súa sorpresa que a Policía Local de Nigrán infórmalles que o último módulo acababa de ser atopado na Guarda (a 35 km de distancia), causando ademais unha confusión aos servizos de emerxencia, que pensaron que o inchable podía ser un bote con vidas humanas en risco, e que desprazaron ata o lugar un helicóptero de rescate e un equipo da Salvamar.

“Por que temos claro que non foi un accidente? O primeiro, polos cortes rectos nos cabos elásticos. Este inchable resistiu temporais, ondas de 3 metros e condicións moito peores ás da noite do sábado. Ademais a instalación do parque realízase por mergulladores profesionais e está asinada por un enxeñeiro naval que avala que a distribución de mortos e cabos é a correcta”, sinalan.

“Outro dos indicios -engaden- é que nunca se nos rompeu un cabo de contención, e nunha noite rompen 26 simultaneamente? E todos polo mesmo lugar, a 30 cm do extremo superior? Un pouco sospeitoso”.

“Todo isto xa está en mans da xustiza. Por último, dicirlle aos nosos usuarios, que grazas ao traballo ininterrompido do noso persoal, a partir de hoxe mesmo o parque xa está operativo para que veñades pasar un bo intre connosco. Grazas polo voso apoio e aos efectivos de Policía e Salvamento polo voso encomiable labor”, conclúe o comunicado.