O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, denuncia a “irresponsable xestión económica” levada a cabo pola corporación socialista de Nigrán, “a cal se veu acentuando durante os últimos exercicios”. Froito da mesma, segundo os populares, “o alcalde Juan González viuse obrigado a adoptar medidas desesperadas como a recente subida do imposto de bens inmobles (IBI) ou a última modificación de crédito, ambas as dúas aprobadas no pleno extraordinario celebrado o pasado xoves 28 de novembro co único voto do PSOE”.
Como vén manifestando desde o seu anuncio, desde o Partido Popular de Nigrán considéranse ambas as dúas medidas sumamente prexudiciais para todos os veciños do municipio, xa que ambas supoñen unha nova carga económica que se suma á elevada inflación ou a recente subida do IVE da electricidade. “Á parte de tratarse de medidas inxustas e inxustificadas, prodúcense no peor momento posible”.
Pino recalca que estas medidas son “sorprendentes” debido a que ambas “contradín totalmente” o discurso triunfalista mantido polo Alcalde Juan González, “o cal se xactaba da solvencia económica e o enorme remanente existente nas arcas públicas municipais”. “Se a situación é tan boiante como di, non se entende a necesidade e urxencia de aplicar unha subida tan salvaxe do IBI, así como a modificación de crédito aprobada para tapar gastos realizados durante este ano sen partidas económicas suficientes”.
Mención especial merece o tan citado remanente de tesourería que dispoñía o Concello de Nigrán, o cal no ano 2022 ascendía a 9,6 millóns de euros. “O principal problema (e de aquí pódese sacar o motivo da urxencia das medidas aprobadas polo goberno municipal) é que o remanente conta actualmente con 596.000 euros. É dicir, en apenas 2 anos a corporación socialista de Nigrán gastou 9 millóns de euros sacados do remanente de tesourería, o que equivale a un 93% do total dispoñible”.
Desde o Partido Popular de Nigrán pídese á corporación socialista un cambio de rumbo na xestión económica do Concello, pois o mantemento das mesmas políticas implicará nun futuro, “para desgraza dos veciños e veciñas, novas subidas de impostos que paguen os desmáns duns dirixentes que viven desconectados da realidade”.

