
Durante a pasada semana, a bandeira galega exhibiuse en varandas e fiestras de todo país. Esta acción enmárcase na campaña que Vía Galega vén desenvolvendo para divulgar e propagar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira. Elixiron esta semana, do 13 ao 18 de novembro, para conmemorar a efeméride da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que se celebrou en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Fanse, por tanto, 105 anos daquela I Asemblea Nacionalista.
Esta é a razón porque este sábado, día 18 de novembro, realizaron un acto de popularización da bandeira galega, ás 12:00 horas na Praza das Escolas Vellas (Gondomar), así como en arredor de 165 localidades de toda Galiza. En Gondomar, ademais, recitáronse poemas relativos á nosa bandeira. A concelleira de Gondomar, Manuela Rodríguez, recitou o poema “EN PÉ!” de Ramón Cabanillas, a ex concelleira de Baiona, Yasmina Moreira, declamou o poema “A bandeira” de Manuel María, e a presidenta da Asociación de Mulleres do Val Miñor Arealoura, Bea Fernández, leu o poema “Salve!” de Florencio Delgado.
No acto, que contou tamén coa presenza do concelleiro de Nigrán, Xavier Rodríguez, leuse un manifesto referido á xénese e significado dos nosos símbolos, así como á relevancia do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercermos e existirmos como galegos e galegas. O acto finalizou co canto do himno galego restaurado e cun izado da bandeira galega coa estrela mentres o gaiteiro, Bieito Lobariñas, interpretaba a marcha do antigo Reino de Galicia.
Vía Galega móstrase moi satisfeita polo resultado desta xornada reivindicativa de izado da nosa bandeira. Aínda así, Vía Galega continuará co propósito e empeño de que todos os concellos, tamén os do Val Miñor, coloquen bandeiras galegas en lugares visibles e que permanezan no futuro tal e como se fixo en moitos concellos do país. “O certo é que se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son a expresión da nosa existencia como pobo e do dereito a sermos libres. Os nosos símbolos nacionais únennos como galegos e galegas e fortalecen a nosa identidade colectiva”, sinalan.