
Este domingo 11 de setembro volven os roteiros de sendeirismo “Baiona Natural” coa andaina “A Groba Montañosa”, deseñada para dar a coñecer o patrimonio natural de Baiona gozando da súa contorna. Este roteiro mostra as diferentes formacións e desniveis creados pola natureza e que dan forma á Serra da Groba. Terá unha duración aproximada de 3,5 horas, a súa dificultade é moderada e está recomendada para maiores de dezaseis anos. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse: A Regueira Escura, Camiño Medieval, Calveiras, Floral da Groba, Pedra do Acordo, As Abrutias, Miradoiro Alto da Groba e Gabiñeira.
O roteiro é gratuíto pero é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona no correo electrónico: oficinadeturismo@baiona.gal, ou por teléfono no 986 68 70 67. O prazo está aberto ata mañá, sábado día 10 de setembro, ás 19:00 horas. Os roteiros deseñados pola empresa local Baiventura, que levou a cabo os percorridos, celebráronse no mes de abril e maio. Tamén no mes de xuño e neste mes setembro. O baionés á fronte da empresa local, David Fontán, será o guía.
Esta campaña enmárcase dentro da estratexia da Concellería de Turismo de Baiona para reactivar o sector turístico na época post-COVID a través do ecoturismo. Deste xeito, compleméntase a oferta turística e cultural da localidade. Baioneses e visitantes poderán gozar dunha nova alternativa na que gozar do seu tempo libre.