O BNG advirte que os orzamentos da Deputación para 2024 deixan no aire proxectos previstos no Val Miñor

O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, asegurou hoxe que os orzamentos para a institución do Partido Popular para 2024 supoñen unha “regresión brutal non á última época do PP de Louzán, senón ata hai 20 anos”. O nacionalista destacou que se eliminarán fondos de plans punteiros como o Ágora e o Revitaliza, baixaranse os investimentos propios e para os concellos, e volverase aos plans de acción “caciquil”, o que ao seu entender supón dar “pasos atrás de cangrexo a alta velocidade” e a deixar Pontevedra como unha provincia “do montón”.

O Ágora, o plan de mobilidade e recuperación de espazos públicos para as persoas, “desaparece de maneira radical”, destacou o nacionalista, posto que nos orzamentos de 2024 queda sen o 90% do financiamento, “practicamente a cero”, sen “todo o que había de convenios, subvencións aos concellos para facer obras acollidas aos principios Ágora, plans de mobilidade, xornadas, premios…”. Todo iso, insistiu Mosquera, “a pesar do que nos dixo o outro día no Pleno o portavoz do PP Jorge Cubela que non desaparecía. Aquí están os feitos”.

En materia de mobilidade e infraestruturas tamén destacou Mosquera que todos os convenios cos concellos para urbanizacións e mellora de estradas provinciais tamén practicamente quedan laminados: De 3 millóns que había o ano pasado a 400.000 euros neste 2024, cunha redución do 87%. Lembrou que nesta partida incluíanse actuacións como a estrada Baredo-Loureza (Baiona), Chaín-Morgadáns (Gondomar) ou Panxón-Patos e Monteferro (Nigrán), entre outras, obras que segundo dixo, non se poderán replicar e quedarían no aire noutras localidades por falta de fondos, xa que como mínimo moitas delas supoñían achegas provinciais mínimas de 300.000 euros cada unha e só seguirán adiante as que tiñan fondos consignados polo anterior goberno. “Volvemos atrás, ás chapuzas que se facían nas estradas provinciais. As melloras pasaron a ser obras dignas nos dous últimos mandatos e de novo volverán atrás porque desaparece Ágora”, destacou.

Outra das modificacións máis grosas que recolle o orzamento é que o plan Revitaliza como tal, de residuos a través da compostaxe e para o cumprimento de obxectivos, tamén desaparece: pasa de 890.000 euros en 2023 a 135.000, unha redución do 84%. “Isto é unha cousa máis sorprendente, aínda por riba cando o 31 de decembro deste ano hai que cumprir obxectivos e medidas que impón a lei e estas medidas van radicalmente en contra. Poderán dicir que o substitúen por un plan de compra de material para os concellos, pero iso é outra cousa distinta. Iso é volver a fases que xa na época de Louzán se superaran”, salientou. Engadiu que “cousa que se tiñan avanzado, que os tempos levaron a avanzar, como que había que primar aos concellos que intentan cumprir obxectivos e mellorar nos residuos, volven atrás”.

Por outra banda, Mosquera tamén sinalou que no PP practicamente elimina todo o de Memoria Histórica e recuperación do patrimonio histórico. “Despois de ser o primeiro ano que van aos actos de Bóveda na Caeira o 17 de agosto, resulta que o cargan. Exactamente eliminan o 78,6%, pasan de 700.000 euros a 150.000, e iso porque hai persoal, porque practicamente queda a cero tanto todo o de memoria histórica como a recuperación do patrimonio”, insistiu.

Tamén sinalou Mosquera a baixada de investimentos cara aos concellos de maneira “brutal”, xa que a capacidade de investimento da Deputación pasa de 58 millóns de euros en 2023 e neste baixa a 52 millóns. “Hai moitos pasos atrás de cangrexo pero a alta velocidade”, insistiu, afirmando que en lugar de dar cartos aos concellos para investimentos danllos para gastos correntes “para tapar as faltas que tiñan que facer cos seus recursos, non primar aos que se esforzan por facer as cousas ben…”.

A cambio de todo isto, subliñou o portavoz do BNG, na Deputación recupérase algo que xa Louzán eliminara, o Plan de Acción Comunitaria “e que nós sempre chamamos Plan de Acción Caciquil, para subvencións a asociacións, normalmente militantes do PP para actuacións de competencia normalmente municipal, cunhas leas cos concellos elevados e como sempre sen permisos. Dende o ano 2013 tiña cero euros e agora recupérase con folgos, con 2 millóns de euros, cando nos últimos anos tiña un millón”, salientou.

“Agardo que con todo isto suceda como con Santa Clara, que a decisión inicial era deixala durmir sen pensar nas consecuencias, e ao final parece que se rectifica polo menos parcialmente”, dixo sen dubidar, para engadir que como as decisións de eliminar Revitaliza e Ágora se consoliden xunto coas demais decisións adoptadas as consecuencias van ser claras: “dunha provincia na que en boa parte os concellos estaban avanzados na separación, na reciclaxe para cumprir obxectivos de residuos das normativas europeas, da lei e o medio ambiente, o máis fácil é que pasemos a ser unha provincia do montón ou cara atrás… e o mesmo pasará co Ágora”, finalizou.