A creadora dos paseos do Miñor acada dous novos premios literarios coas obras “MAI • Muller Amadora Ígnea“ e “Centón Villaltiano” no Día das Letras Galegas. O 20 de maio mostrará o seu último traballo “APOSIOPESE” galardoado cos premios de poesía Manuel Oreste e Leiras Pulpeiro.
O Día Mundial das Abellas, ás 20:00 horas, a escritora miñorana presenta o seu último libro “APOSIOPESE” na Biblioteca de Nigrán, acompañada pola escritora Nanda Misa, o fundador da editorial Xerais, X. M. Rivas, o experto en raíñas Suso Muñoz, e a artista Ángela Costas.
Soledad García é unha escritora cun claro ímpeto na protección e defensa da natureza. Tras visibilizar nos seus libros as tradicións do ramo de San Xoán e o mosaico do muxe milenario de Panxón, defender os garranos da invasión dos aeroxenedores na Groba, protexer as terras raras da Serra do Galiñeiro, e fomentar a adopción responsable de animais en Vigo, este novo traballo baixo o título “Aposiopese”, unha elexía ao seu pai, busca crear conciencia da necesidade de protexer ás abellas.
O acto, que sae do formato estándar de presentación, acompañarase dunha cata de mel, xogos, ferramentas e un relatorio sobre raíñas. Dará comezo ás 20:00 horas na planta baixa da Biblioteca de Nigrán, de acceso libre e gratuíto até completar aforo.

