O goberno local de Gondomar, a través da Concellería de Deportes, pechaba este xoves o operativo que se poñerá en marcha o vindeiro domingo con motivo da celebración do vixésimo roteiro cicloturista que organiza en colaboración co Club Ciclista de Gondomar. Policía Local, Garda Civil, efectivos de Protección Civil e voluntarios vixiarán o desenvolvemento da proba que ten como punto de saída e meta o Concello de Gondomar.
O roteiro, que cumpre vinte anos, conta este ano con dous padriños de excepción, os campións Miguel Indurain e Aída García, que se poñerán á fronte do pelotón que, unha vez pechado o prazo para inscribirse, estará integrado por preto de 400 persoas, duplicando case a cifra do pasado ano.
Todos eles cubrirán os 100 quilómetros que transcorren por diferentes puntos das comarcas de Val Miñor e Baixo Miño. Tras o pistoletazo de saída, a cargo do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a edil de Deportes, Nuria Lameiro, o pelotón partirá cara a Baiona para dirixirse a Oia, San Xián, O Rosal, A Guarda, Tui, Monte Aloia e regresar a Gondomar pasando por Chaín e Vincios, circulando en pelotón salvo en San Xián e o Monte Aloia que serán tramos libres.
Na Praza da Paradela situarase a saída e meta desta tradicional carreira que ten previsto poñerse en marcha ás 09:30 horas e finalizar preto das 13:30 horas. Unha vez en meta todos os participantes procederase á entrega dos premios cos que se distinguirán diferentes cuestións por parte da organización.
Desta maneira subirán ao podio o club máis numeroso, o club de procedencia máis afastada, distinción ao participante máis maior e o máis novo (categoría feminina e masculina) e aos tres primeiros clasificados nos tramos libres da proba en ambas as dúas categorías.
Así mesmo realizarase unha pequena homenaxe aos 17 fundadores do Club Ciclista Gondomar, creadores desta iniciativa, e que cumpren as súas vodas de ouro como organización deportiva este ano 2019.

