O Kotablue Fibra Coruña 14/18 gaña a Liga de Inverno Baitra J80

Este sábado finalizou na ría de Vigo unha das edicións máis disputadas da Liga de Inverno Baitra J80, que ano tras ano organiza Monte Real Club de Yates co patrocinio de Baitra Accesorios Navales para a frota de monotipos de 8 metros en exclusiva. Tras seis xornadas e un total de sete probas celebradas, o Kotablue Fibra Coruña 14/18, do Real Club Náutico da Coruña, liderado polo campión de Finn Miguel Fernández Vasco, alzouse vencedor da competición, inscribindo o seu nome por primeira vez no cadro de honra da liguiña invernal, con 15 puntos resultantes duns parciais de 1-3-1-4-5-1.

Non foi unha vitoria sinxela para o equipo herculino, que pelexou con unllas e dentes polos loureiros. Na terceira xornada de probas, a tripulación formada por varios xuvenís da Escola de Vela do náutico coruñés (Esteban Martínez de la Colina, Juan Maciñeira e Carmen Martínez de la Colina), logrou subir do décimo ao terceiro posto; e na penúltima etapa deu o salto ao primeiro, desbancando ao Alboroto, campión de España, do liderado. Ese primeiro posto mantívoo sen dificultade este último sábado de competición, no que a falta de vento impediu completar ningunha proba a maiores das sete que se celebraron en xornadas previas, polo que a clasificación quedou idéntica á da penúltima etapa.

“É unha vitoria que me alegra moito -declarou Fernández Vasco ao acabar a liga- porque foi moi traballada e porque todos os tripulantes que competiron comigo durante estes meses son alumnos da escola de vela da Coruña, de Optimist, Láser e 420, o que demostra o potencial destes mozos e a firme aposta que o noso club está a facer pola vela lixeira”. “O noso obxectivo agora é seguir adestrando duro para presentarnos con forza no Trofeo Príncipe de Asturias e o Mundial de J80 do próximo mes de setembro en Baiona”, concluíu.

A medalla de prata foi para o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, Javier Aguado, Juan Lago, Javier Lago e Amador Riveiro. O actual campión de España da clase, tras manterse líder ata a penúltima xornada, non puido facerse coa vitoria final, pero si cunha meritoria segunda posición, debido a que repetiu da edición anterior. Acabou a apenas un punto do Fibra Coruña, con 16 puntos (1-3-1-4-5-2). Por detrás deles, pechando podio con 22 puntos (6-2-4-2-2-6), colgáronse o bronce ao pescozo os tripulantes do Solventis, liderados por Malalo Bermúdez de Castro e Alberto García. E completaron o Top 5, en cuarta e quinta posición, os portugueses Marías, de Manel Cunha; e 4 Jotas, de Joaquim Moreira.

E completando a listaxe dos dez mellores aparecen o Spaco de Santiago Estévez, o Miudo de Sergio Golpe, o Maija de Castor Alonso, o Cansino de Fernando Yáñez e o Waikiki de Andrés Gómez.

Tras volver da auga este sábado sen poder celebrar ningunha proba por falta de vento, as tripulacións reuníronse en terra para participar na entrega de premios aos gañadores. O evento contou coa presenza do director xeral de Baitra Accesorios Navales, Juan Carlos González, patrocinador da competición. Tamén entregaron galardóns o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; e o presidente do MRCYB, José Luis Álvarez.

A Liga de Inverno Baitra J80 é a primeira das dúas liguiñas que o Monte Real Club de Yates organiza en exclusiva, cada ano, para a frota de J80. A segunda cita será en outubro coa Liga de Outono, pero previamente os monotipos de 8 metros teñen marcada en calendario a que será a gran cita do ano coa vela en Baiona, o Mundial de J80, que se disputará o próximo mes de setembro.