Ensinando aos pacientes a rehabilitar o olfacto

O equipo de enfermaría da Unidade de Hospitalización de Otorrinolaringoloxía e os logopedas organizaron un obradoiro para mostrar as técnicas de rehabilitación do olfacto aos pacientes con estoma respiratorio, os larinxectomizados. O obradoiro, no que participan 10 pacientes, foi impartido pola logopeda Raquel Rivera, experta na rehabilitación das secuelas post Larinxectomía total.

Os pacientes sometidos a tratamento para cáncer de larinxe, se lles realiza unha Larinxectomía total (extirpación da larinxe). Tras esta intervención, o acceso de aire polo nariz e pola boca queda interrompido permanentemente, e a respiración realizarase a través do traqueostoma. Isto provoca que as partículas olorosas non pasen polos tecidos sensoriais (epitelio), principais responsables do olfacto, quedando así afectado este sentido.

En realidade, a función permanece intacta, sendo a modificación da canle respiratoria o que a invalida. Polo tanto, con rehabilitación olfactiva pódese ensinar métodos que activan o fluxo de aire nasal e que poden axudar a recuperar o olfacto.

Técnicas rehabilitadoras

Entre estas técnicas rehabilitadoras cabe subliñar a do “Bocexo educado”. A aprendizaxe desta técnica resulta esencial para restablecer a función, naqueles casos nos que quedara afectado. Basicamente consiste en bocexar coa boca pechada. Ao facelo deste xeito, o aire entra polo nariz e pode recuperar o senso do olfacto.

Perda da calidade de vida

O sentido do olfacto, un dos máis primitivos do ser humano, resulta esencial para vivir, sentir e adaptarse ao mundo. Axúdanos a protexernos e tamén a comunicarnos. A perda deste sentido pode supoñer un risco para a saúde e a seguridade da persoa, suscitando dificultades tales como identificar fumo, gas, alimentos en mal estado, ademais de ocasionar impacto na hixiene persoal. En definitiva, a perda do olfacto provoca unha importante diminución da calidade de vida do paciente.