Blanco ratificou en Oviedo o seu podio na Volta a Vetusta

Non saltou a sorpresa na última xornada da Volta a Vetusta e os tres corredores que o día anterior subiron ao podio no alto do Naranco conservaron as súas posicións na xeral. Samuel Blanco luciu na rúa Argüelles de Oviedo a camisola do Vigo-Rías Baixas subido ao terceiro banzo do caixón. No desenlace ao sprint na capital asturiana o sub23 Gabriel Ochando foi o mellor clasificado da estrutura presidida por José Luis Chamorro.

Tivo que empregarse a fondo o conxunto flúor á fronte do pelotón para defender o posto no podio do seu xefe de filas. Unha escapada de catro corredores, que chegou a gozar dunha vantaxe dun minuto e medio, ameazou a Blanco nos 146 quilómetros con inicio e chegada en Oviedo.

Unha vez superados os cinco portos puntuables desta segunda etapa, a fuga foi neutralizada. Os últimos quilómetros transcorreron polo mesmo percorrido que espera á Volta a España o próximo mes de setembro en Oviedo.

Ángel Fuentes (Gomur) impúxose nunha chegada masiva na que se cortou o pelotón. Dezaoito ciclistas entraron en meta co mesmo tempo que o gañador, entre eles Ochando, undécimo, e Blanco, décimo cuarto. O Vigo-Rías Baixas logrou a segunda praza por equipos nesta xornada.

Na xeral, Blanco concluíu a 54 segundos de Elías Tello e a 44″ de Aliaksandr Piasetki. O chileno e o bielorruso selaron o dobrete do conxunto anfitrión Kuota-Construcciones Paulino. A escuadra olívica tamén contou no Top-10 con Carlos Cobos, noveno, e na clasificación por equipos finalizou cuarta.

2019-08-11 - Blanco Oviedo