Sin categoría

O Fondo Galego estreita os lazos de cooperación coa rexión guineana de Cacheu

A misión político-técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a Guinea-Bissau culmina con varias recepcións institucionais que referendan o traballo impulsado na rexión de Cacheu e avalan a súa continuidade. A delegación integrada polo presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González; o vicepresidente e edil de Cartelle, Daniel Fernández, e mais o vogal e alcalde de Cuntis, Manuel Campos, xunto cunha responsable técnica, visitou ao longo da última semana os proxectos financiados en materia de auga e saúde e regresará a Galicia este sábado, coincidindo co Día de África.

O xoves reuníronse con Lucía Piñón, Segunda Xefatura na Embaixada de España en Guinea-Bissau, que se comprometeu a estudar a posibilidade dunha posible alianza no marco do programa Erasmus+. No día de onte, as xuntanzas co goberno do país lusófono deron comezo no Ministerio de Economía, concretamente co director xeral de Planificación, Issa Jandi, e un membro do gabinete do ministro, Umaru Baldé, que valoraron moi positivamente os proxectos impulsados polo Fondo Galego, remarcando que son accións complementarias ás políticas de desenvolvemento promovidas polo goberno central.

Do mesmo xeito, o ministro de Administración Territorial e Poder Local, Marciano Silva, agradeceu a colaboración do Fondo Galego no difícil momento da pandemia e animou a continuar apoiando a poboación máis illada e desfavorecida na Illa de Pecixe. A delegación tamén se entrevistara nos primeiros días con representantes do goberno rexional de Cacheu, que expuxeron as principais problemáticas e potencialidades da zona. Finalmente, chegouse ao acordo de continuar prestando apoio a medio prazo en materia abastecemento de auga, servizos de sanidade materno-infantil e formación dos cadros políticos locais e rexionais.

Desde que en 2020 iniciara a cooperación directa coa rexión de Cacheu, o Fondo Galego financiou ata agora cinco proxectos cun total de 72.000 euros. Se nun primeiro momento se dotou de materiais de protección e hixiene e de alimentos para facer fronte á Covid-19, posteriormente instaláronse camas e adquiríronse equipamentos para os centros sanitarios. Así mesmo, dotouse de auga potable a máis de 550 familias das comunidades de Cassaca, Reno e Pessangue a través da instalación de pozos e fontes. A delegación desprazada a terreo puido supervisar in situ o correcto desenvolvemento de todas estas iniciativas.

Un dos países máis empobrecidos

Se ben a República de Guinea-Bissau vén experimentando certo crecemento grazas á subida de prezo do anacardio -a súa principal exportación-, a inestabilidade política ten sido un grave condicionante para o seu desenvolvemento. A isto súmase a destrución do tecido económico e social na guerra civil de 1998, cuxas consecuencias perduran hoxe en día, situándoo entre os dez países máis pobres do mundo. O PIB per cápita é de 753€, mentres que a esperanza de vida se acha nos 58 anos. No entanto, a riqueza natural e cultural de Guinea-Bissau supón un gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter a situación.