Sin categoría

Iván Roade gaña a Happy Go Running-Cidade Universitaria

O nigranés Iván Roade Lago foi o primeiro atleta en cruzar a liña de meta da Happy Go Running-Cidade Universitaria, que celebrou este domingo a súa 12ª edición. O atleta do Bikila completou os 10 quilómetros de percorrido en 30:56, a 1 segundo de Alejandro Fernández Rivera. O terceiro clasificado foi Carlos Porto Pazos, cun tempo de 32:18. En categoría feminina a vitoria foi para Ester Navarrete Santana (35:06). Alice Finot (36:05) foi segunda e Sandra Mosquera Losada (36:25) terceira.

A proba, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, coa colaboración de entidades como o Concello de Vigo, a Fundación Galega Contra o Narcotráfico, o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia ou Cidade Universitaria, contou con 627 inscritos, 100 deles na andaina e o resto nas dúas distancias da carreira: 6,6 km e 10 km.

A Happy Go Running é a segunda proba do Circuíto Run Run Vigo de Carreiras Populares tras a XIX edición do Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay, no que Roade finalizou en terceira posición.

Ademais ten unha vertente solidaria, ao ser a cuarta edición que se converte na Carreira Interuniversitaria contra a Droga, iniciativa da Fundación Galega contra o Narcotráfico apoiada polas universidades de Galicia e o norte de Portugal co obxectivo de promover a práctica deportiva como un hábito saudable para o desenvolvemento integral das persoas. Así, un euro de cada inscrición será destinado a un proxecto solidario da Fundación Galega contra o Narcotráfico, neste caso para a compra de colmeas dedicadas á formación en apicultura de exdrogodependentes en proceso de reintegración social.

A Happy Go Running comprende tres modalidades diferentes para que a participación estea aberta a calquera tipo de persoa. Por unha banda, a proba clásica, coa que comezou esta cita deportiva, os 10 km, que se desenvolven nun circuíto de 3.333m que transcorre, en tres voltas, entre os vieiros interiores do campus e a entrada á Cidade Deportiva do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo. Unha segunda modalidade, de iniciación de 6,6 km, comprende dúas voltas a este circuíto.

Para os que prefiren ir amodo existe a opción da andaina, cunha distancia de 10 km polos arredores do campus, organizada en colaboración co Club Peña Trevinca, onde deseñaron un percorrido que permitiu coñecer a contorna dende o parque forestal de Beade ata o Chan da Cruz e de regreso ao campus, gozando de vistas sobre a ría e tamén de restos arqueolóxicos.

A andaina arrancou ás 09:30 horas e a carreira en ambas distancias ás 11:00 horas. A entrega de premios tivo lugar no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria.