Sin categoría

Baiona inicia unha campaña para loitar contra o depósito indebido de residuos

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, vén de comezar unha campaña para fomentar o depósito correcto de residuos. Con esta campaña, preténdese evidenciar as malas prácticas e fomentar un cambio de hábitos na veciñanza para que faga un uso responsable e axeitado dos colectores segundo cada tipo de residuos e, fundamentalmente, que fagan uso do servizo de recollida de voluminosos. Dende hai meses veñen aparecendo voluminosos e residuos en xeral depositados fóra de lugar en diferentes puntos do Concello. Isto está a implicar problemas de salubridade e limpeza, xa que o lixo depositado na rúa produce malos cheiros e atrae animais, que o removen e espallan. Este feito altera gravemente o traballo de recollida por parte dos operarios do Concello, que ademais do seu labor habitual teñen que localizar e recoller os residuos ciscados fóra de lugar.

Dende o Concello lémbrase que existe un servizo gratuíto de recollida de voluminosos porta a porta. Para utilizalo, é imprescindible chamar previamente ao teléfono 900 101 925 para avisar da zona de depósito. Deste xeito, asegúrase que non queden nas rúas sen recoller. Neste servizo darán as indicacións de cando depositar os aveños, mobles, trastes… que serán recollidos os martes de 6:00 a 14:00 horas. En canto aos restos de poda é imprescindible chamar previamente ao mesmo número gratuíto para que sexan recollidos os xoves de 6:00 a 14:00 horas. Deste xeito, o servizo pasará por aquelas zonas que foron notificadas previamente pola cidadanía. En canto aos residuos só se admiten residuos dos veciños e veciñas de Baiona e de orixe domiciliario, entre os que se poden depositar: mobles, aveños, electrodomésticos, cables e aparellos informáticos, madeiras, restos de poda, plásticos, metais, aceite vexetal…

Dende o Concello agradécese o labor de todos os veciños e veciñas que cada día fan un esforzo para realizar unha correcta xestión dos seus residuos, facendo de Baiona un municipio concienciado e limpo. Con este servizo preténdese facilitar aos cidadáns unha axeitada xestión de certos residuos que, polo seu tamaño e características, non poden depositarse co resto de residuos domésticos e tampouco poden entregarse no punto limpo municipal situado en Baíña. Depositar lixo e voluminosos fóra do seu lugar non só xera problemas de sucidade e malestar para toda a veciñanza, senón que pode, como última medida, incluso carrexar multas para as persoas que cometen as infraccións. O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, fai un chamamento á colaboración veciñal para evitar o abandono de residuos na contorna dos contedores. Pídese evitar estas situacións, xa que este tipo de depósitos na vía pública só conseguen aumentar a contaminación no municipio “e empeorar o aspecto das nosas rúas”.

Tras comprobar, tanto no centro da vila como nas parroquias, o incremento de puntos na localidade onde se depositan residuos voluminosos, como mobles ou electrodomésticos, “faise un chamamento á cidadanía para que o aspecto do municipio mellore, apelando ao civismo”. Así mesmo, a Concellería de Medio Ambiente está a colaborar coa Concellería de Educación para que esta información e a dunha boa reciclaxe chegue como método dinámico, “aprendendo xogando”, aos colexios do municipio. O vindeiro 6 de novembro, dará comezo esta acción de concienciación para os máis pequenos do municipio, para todo o alumnado do CEIP Fontes-Baíña, continuado polos restantes centros educativos. Para a atención á cidadanía do servizo gratuíto posto en marcha cóntase co teléfono gratuíto 900 101 925 e coa páxina web municipal http://www.baiona.gal, na que os usuarios poden ampliar a información sobre os diferentes servizos.

Campaña de buzoneo entre a veciñanza

O Concello de Baiona tamén vai poñer en marcha as vindeiras semanas unha campaña para dar a coñecer o servizo e distribuiranse folletos informativos polas caixas de correos da localidade. Tamén se colocarán carteis informativos en distintos puntos do municipio para lembrar a prohibición de depositar calquera tipo de aveño fóra dos contedores sen avisar previamente ao servizo de recollida.

Punto Limpo do Concello de Baiona

O Punto Limpo do Concello de Baiona está situado na Parroquia de Baíña. O horario de atención á veciñanza é de 10:00 a 14:00 horas os luns, venres e sábados e de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas os mércores. Os festivos permanecerá pechado.