Sin categoría

Denuncian atrasos no pago de facturas por parte do Concello de Gondomar

O Partido Popular de Gondomar denuncia que varios provedores do concello dirixíronse aos seus membros para expresar o seu enfado e crispación polo atraso no pago de facturas por parte do Concello de Gondomar. “Hai provedores aos que prometéronlles que pagarían antes das eleccións, despois que tiñan que agardar a que pasaran as mesmas, máis tarde que había que aprobar a modificación de crédito e agora que lles pagarían antes do Nadal”, manifesta a voceira popular Paula Bouzós.

O pasado 17 de novembro o Pleno do Concello de Gondomar aprobou unha modificación orzamentaria para poder facer fronte ao pago de facturas de traballos realizados na súa meirande parte nos meses de campaña electoral e incluso algún no pasado ano 2018, como o alumeado de Nadal. O anuncio foi publicado no BOP do 28 de outubro, polo que o concello podería comezar a pagar a partir do 20 de novembro. A día de hoxe o Concello segue sen facer efectivo o pago das débedas contraídas e recoñecidas e os provedores non saben cando o van facer xa que, como afirman, dependendo do concelleiro a quen se lle pregunte, as datas van cambiando.

Neste mesmo pleno, o alcalde xa afirmou que o concello “non tiña un duro”, e que por iso había que facer a modificación orzamentaria, polo que no PP gondomareño se preguntan como vai facer o alcalde para pagar aos provedores que dende outubro están facendo obras para o concello, ou como vai pagar o alumeado de Nadal cando aínda non pagou parte do alumeado do ano pasado.

A voceira do PP gondomareño explica que a maior parte de provedores son locais, cunha facturación non moi alta, pero o suficiente como para mellorar a súa situación económica que nestes intres non se atopa na mellor etapa.

“Unha vez máis, a falta de previsión e a deixamento deste goberno municipal, aparte das obras feitas sen control na campaña electoral, traen agora estas nefastas consecuencias para os veciños de Gondomar, e non será por concelleiros con dedicación para levar os temas adiante”, remata dicindo Paula Bouzós.