A Unidade de Patoloxía de Mama do Chuvi incrementou un 28% a súa actividade cirúrxica

Con motivo do Día Mundial contra o Cáncer de Mama que se celebra hoxe, a Unidade de Patoloxía Mamaria da Área Sanitaria de Vigo deu a coñecer os datos de actividade asistencial, que o pasado ano acadaron cifras históricas na realización de actividade global, tanto en consultas como probas diagnósticas e tratamentos. Os profesionais da Unidade diagnosticaron en 2022 un total de 423 casos novos de cancro de mama e efectuaron 785 intervencións cirúrxicas, 173 operacións máis que no ano anterior (un 28%). Ademais, realizaron 2.099 procedementos intervencionistas (biopsias guiadas por imaxe); 8.618 ecografías de mama; 10.065 mamografías e 997 Resonancias Magnéticas.

Nova mesa para biopsias

No momento actual, esta Unidade conta con recursos humanos de alta cualificación e coas técnicas máis avanzadas para o diagnóstico e tratamento desta enfermidade da máxima calidade. Os seus modernos equipamentos tecnolóxicos permiten gran precisión, o que facilita o diagnóstico de cancros moi pequenos e sutís, e en estadios máis temperáns. Neste contexto, hai que subliñar que a finais de ano vaise dotar a esta Unidade dun novo equipo, unha mesa para biopsias asistidas por vacío guiadas por tomosíntese, que permite realizar biopsias con maior axilidade e comodidade gracias a unha maior automatización e a obtención de imaxes de maior calidade, que melloran a experiencia tanto das pacientes como dos profesionais sanitarios. Segundo explica a coordinadora da Unidade de Patoloxía Mamaria, Rosa Mallo “este sistema está deseñado pensando na comodidade física e emocional das pacientes. Ao eliminar a visión directa da agulla de biopsia, as pacientes sofren menos ansiedade e os médicos podemos identificar, localizar e acceder rapidamente ás lesiones para reducir o tempo de compresión”.

O 59% das pacientes derivadas de Atención Primaria

A Unidade dispón dunha Vía rápida para atender ás pacientes con criterios de sospeita de carcinoma de mama; isto é, un circuíto asistencial que garante que calquera paciente con sospeita dunha lesión mamaria sexa atendida en menos dunha semana. A través desta Vía estudáronse a 3.178 mulleres; máis da metade delas o 59,6% foron derivadas polos facultativos de Atención Primaria; o 31% do Programa Galego de Prevención do Cancro de Mama; e o resto proceden doutras consultas ou servizos hospitalarios, como as Urxencias.

Abordaxe integral das lesións mamarias

A Unidade de Patoloxía de Mama ofrece unha abordaxe integral das lesións mamarias, tanto benignas como malignas. Así, no hospital Meixoeiro centralízase, ademais das probas de diagnóstico por imaxe, todos os tratamentos cirúrxicos e radioterápicos de mama realizados no Chuvi. Está integrada por especialistas dos servizos de Radiodiagnóstico, Anatomía patolóxica, Cirurxía xeral, Xinecoloxía, Técnicos e Enfermaría. Conta, ademais, co apoio dos servizos de Oncoloxía médica, Radioterapia, Psiquiatría, Xeriatría, Rehabilitación, Anestesia e Cirurxía plástica. Segundo afirman os especialistas a prevención e o diagnóstico precoz son fundamentais na loita contra esta enfermidade. Neste senso, ademais dos programas preventivos de cribado poboacional tamén é importante a estratificación das pacientes por nivel de risco. Así, a Unidade de mama tamén conta cunha Consulta de Asesoramento de Risco en Cáncer de Mama. Trátase dunha consulta específica na que se atende ás pacientes que por franxa de idade non son subsidiarias dun cribado poboacional, pero que, por antecedentes persoais ou familiares, precisan dun seguimento diferente.