
Con motivo da celebración este xoves 23 de febreiro do día dedicado á nosa poeta máis universal, o IES Auga da Laxe, o CEIP Chano Piñeiro e o Concello de Gondomar, en colaboración con Cantares do Brión e a Fundación Rosalía de Castro, teñen preparadas unha serie de actividades que inclúen poesía, música, plantación de flores, unha gran exposición e ata unha degustación do “caldo de gloria”. E que mellor lugar para facelo que a nova Praza Rosalía de Castro de Gondomar.
O programa comezará este mesmo xoves día 23 cun acto do IES Auga da Laxe que se desenvolverá de 11:30 a 12:00 horas. Abrirase a celebración coa lectura do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (“Cumpriuse a xustiza”, de Carme Adán), a cargo dun grupo de alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato. A continuación farase unha lectura de poemas de Rosalía de Castro, por parte de varios rapaces e rapazas de 3º de ESO, así como do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e do Concelleiro de Cultura, Juan Rodríguez Bas. Pecharase o acto coa interpretación do Pasodobre dos Albariños a cargo dos gaiteiros Pedro Alonso e Marcos Crusat, alumnos de 2º de Bacharelato. Ademais, os alumnos e alumnas de 1º de ESO repartirán entre os asistentes uns folletos que prepararon con poemas de Rosalía, nos que se inclúe tamén unha ilustración realizada expresamente para a celebración polo alumno de 1º de ESO Samu Piñeiro.
Ás 12:00 horas haberá unha nova lectura de poemas a cargo do CEIP Chano Piñeiro, e a continuación, plantación de “Pensamentos” nos xardíns da Praza Rosalía de Castro.
O domingo 26 de febreiro ás 12:00 do mediodía Cantares do Brión ofrecerá un ensaio aberto, con posterior degustación gratuíta de “caldo de gloria”.
Ademais, do 10 ao 25 de marzo a praza gondomareña acollerá unha exposición a ceo aberto da Fundación Rosalía de Castro.