Sin categoría

A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” organiza un acto público para explicar o contido do PXOM

A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” organizou un acto público para o venres día 29 ás 20 horas na antiga Escola de Infantil de Chandebrito para explicar o contido do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Coa finalidade de fomentar a transparencia e a participación, a esta xuntanza pública foron convidadas todas as agrupacións políticas con implantación no Concello de Nigrán, que a maioría xa confirmaron a súa asistencia, para que expoñan, tanto para a parroquia de Chandebrito como para o resto do municipio de Nigrán, a súa opinión sobre o documento do PXOM exposto parcialmente na páxina web do Concello.

A razón pola que esta asociación veciñal tomou esta iniciativa debeuse a que o goberno municipal tiña convocada unha reunión para o 4 de setembro nesta parroquia para explicar o contido do PXOM pero que a realizou noutra data diferente sen informar publicamente do cambio, co cal gran parte da veciñanza da parroquia non se decatou da celebración e na súa actitude escurantista negouse a convocar unha nova xuntanza publicitada polo propio goberno municipal.

Por outra parte, esta agrupación veciñal considera que o documento do PXOM exposto na web municipal debe expoñerse completo e non parcialmente, que ademais dos posibles erros, as suxestións e observacións feitas pola veciñanza aos técnicos municipais nas citas en marcha organizadas sexan trasladados ao equipo redactor, goberno municipal e grupos da oposición para o seu coñecemento, e o que é máis importante, ao comprobarse que o documento exposto agora presenta cambios substanciais respecto ao documento de Aprobación Inicial, se expoña de novo ao público para que a cidadanía á cal lle cambiaron profundamente a cualificación urbanística das súas propiedades poida alegar.