A Xunta licita as obras de acondicionamento para a creación de vestiarios na residencia de tempo libre de Panxón

A Xunta publicou a licitación das obras de acondicionamento na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán, para a creación de vestiarios femininos e masculinos para o uso do persoal. O importe de licitación é de 72.400€ e o prazo de execución será de dous meses.

En concreto, esta actuación permitirá a redistribución de dous cuartos existentes na planta do semisoto par transformalos en vestiarios. Contarán con acceso tanto desde escaleiras como de ascensor, xa existentes, e exteriormente por un patio cuberto.

O Goberno galego investirá máis de 270.000 euros neste centro para a mellora da eficiencia enerxética do edificio e para a confortabilidade dos seus usuarios. Esta actuación recibiu máis de 18 ofertas para executar e adxudicarase antes de que se acabe o ano.

Os traballos de renovación da cuberta súmanse ás diferentes actuacións de mellora que se levaron a cabo nas instalación públicas autonómicas de Nigrán nos últimos cinco anos, que supuxeron un investimento global de medio millón de euros.