Baiona aposta pola recuperación da gran romaría de San Cosme e San Damián

O Concello de Baiona abre o prazo para a presentación de solicitudes de venda ambulante durante a Festa do Mel e as Noces que se celebrará os próximos 25 e 26 de setembro con motivo da Romaría de San Cosme e San Damián, organizada pola Concellería de Festexos para manter viva as tradicións e costumes da Vila. Nos distintos postos de venda ofertaranse produtos do campo, comida, artesanía ou plantas. O prazo de solicitudes pecharase o próximo 22 de setembro. A solicitude e a declaración responsable pódese descargar da páxina web do Concello de Baiona, http://www.baiona.gal (para máis información poñerse en contacto no número de teléfono 986 385 921). As solicitudes deberán presentarse na data indicada por rexistro de entrada do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou pola Sede electrónica (www.baiona.gal).

O 25 e o 26 de setembro, este último festivo local en Baiona, ofícianse actos relixiosos na honra dos santos e como obriga a tradición, algúns romeus ofrecerán os seus produtos do campo, figuras de cera e donativos en agradecemento polos favores recibidos. Durante dous días a Praza de Santa Liberata convértese nun mercado onde se poden comprar todo tipo de produtos do campo, desde mel e noces ata froitas, verduras, apeiros de labranza, embutidos do país, produtos cosméticos naturais como xabóns, cremas hidratantes, aceites, plantas ornamentais, antiguallas, artesanía etc. O mercado estenderase tamén pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón. Ademais, o mercado será amenizado coas actuacións de grupos folclóricos, pandereteiras e pasarrúas.

En canto á adxudicación das autorizacións, unha vez terminado o prazo de instancias, procederase á concesión dos postos e a información será publicada na páxina web municipal http://www.baiona.gal. O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destaca que “o goberno local profunda na súa aposta pola recuperación da gran Romaría de San Cosme e San Damián no municipio con dous días cheos de programación. Se aposta pola liña de recuperación e posta en valor do arraigamento desta tradicional festa. Trátase dunha celebración que suma legado e vangarda vinculada ao ámbito tradicional, por iso desde o Concello de Baiona envorcámonos con esta tradicional romaría e a festividade que seguirá sendo festivo en Baiona”.