A Xunta conclúe as obras destinadas a reducir o risco de inundacións en Sabarís

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, destacou hoxe o remate das obras destinadas a reducir o risco de inundacións na contorna da desembocadura do río Groba en Sabarís, no concello de Baiona, que supuxeron un investimento autonómico de case 545.000 €.

Vázquez Mourelle achegouse hoxe ao municipio pontevedrés para, xunto co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, supervisar o remate dos traballos, que consistiron na mellora da drenaxe en dous viarios municipais desta zona: o Camiño das Monxas e o Camiño Pouquena. Esta mesma semana, o mércores, serán entregadas ao Concello, que se encargará a partir de agora do seu mantemento.

A conselleira subliñou que a culminación desta actuación para minimizar o risco de inundacións en Sabarís, dotando a estes 2 viarios municipais de maior capacidade de desaugue permite deixar aos veciños mellor preparados fronte ao risco de enchentes.

A bacía do río Groba no Camiño da Monxas e no Camiño Pouquena, correspóndense cunha zona identificada como de risco potencial significativo de inundación no Plan de inundacións da demarcación de Galicia-Costa, de competencia da Xunta.

Ethel Vázquez explicou que estes viarios, situados na desembocadura do río, tiñan un historial de inundacións recorrentes desde hai anos, causados pola deficiente drenaxe de pluviais, con episodios agravados cando as fortes precipitacións coincidían coa preamar.

Ademais, indicou, que é unha zona cha, sen pendentes, onde a auga tende a estancarse e, ao non ter capacidade de evacuación, asolagaba os viarios e construcións lindeiras.

Para iso, segundo indicou a conselleira, os traballos executados centráronse na reforma da rede de pluviais con 4 novos colectores, que melloran a capacidade de desaugue nas condicións máis desfavorables, con preamar e chuvias fortes.

Para acometer as obras foi preciso demoler o firme e as beirarrúas das dúas vías para escavar as gabias e construír os 4 colectores. Executáronse preto de 700 metros de canalizacións para mellorar a drenaxe e, na desembocadura dese 4 colectores na Foz do Miñor, realizáronse obras de saída para optimizar os puntos de vertido.

As obras executadas pola Xunta en Baiona están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ethel Vázquez sinalou que se trata dunha actuación clave, impulsada pola Xunta en colaboración co Concello, co obxectivo de reducir os efectos negativos que viñan provocando os asolagamentos frecuentes destas dúas vías municipais.

A ese respecto, e tendo en conta o contexto de cambio climático, a conselleira avogou por xuntar os esforzos das administracións e da sociedade para afrontar con éxito os episodios extremos, cada vez máis habituais, tanto de seca como de chuvias fortes e inundacións.

En canto á seca, a conselleira fixo fincapé na situación de prealerta por escaseza do sistema que abastece Baiona. Esta mesma mañá celebrouse unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca na que se constatou unha mellora xeral nas últimas semanas debido ás chuvias rexistradas é a baixada do consumo logo das vacacións do verán.

Segundo precisou a conselleira, no caso de Baiona, o volume de auga encorada reflicte un empeoramento desde o mes de xullo que se mantén ata o momento en valores moi similares: o encoro non chega ao 50% de ocupación actual. Con todo, engadiu, tendo en conta que o subministro á poboación pode ser completado desde o encoro de Zamáns, con suficiente volume de auga almacenado, e tamén a baixada de poboación estacional no municipio, a Oficina da Seca mantivo a situación actual de prealerta por escaseza.

Deste xeito, apuntou Ethel Vázquez, aínda que sen chegar a situación a ser preocupante, si obriga a facer un seguimento intensivo da situación e a seguir aplicando medidas de aforro da auga.