O Concello de Gondomar vén de publicar as bases reguladoras para a confección das tradicionais alfombras florais na festa do Corpus os días 1 e 2 de xuño. A participación está aberta a todas as Asociacións Veciñais, Culturais, Xuvenís, Deportivas, Clubs, Entidades, etc. do Concello de Gondomar que se atopen legalmente constituídas e que non acaden fin lucrativo coa actividade a realizar. A confección das Alfombras Florais en Gondomar levarase a cabo na tarde-noite do sábado 1 ao domingo 2 de xuño de 2024. Ás 17:30 horas procederase ao corte de tráfico rodado nas rúas que conten con elaboración de Alfombras Florais. A partir das 18:00 horas pode dar comezo o pintado do deseño das Alfombras Florais.
A elaboración das tradicionais Alfombras de Corpus contará coas seguintes localizacións: escalinata de acceso á Igrexa San Bieito; entrada á Igrexa de San Bieito; Rúa Subida a Igrexa San Bieito; Rúa Manuel Losada; Rúa Eduardo Iglesias; Rúa Ángel Urzáiz; Praza Paradela e Rúa Párroco Mariño. Establécese un mínimo do 70% de flor como material para realizar a alfombra, podendo completar o resto con materiais distintos, que obrigatoriamente deberán cumprir os seguintes requisitos: os materiais non deberán supoñer risco para o paso das persoas por encima da alfombra; os materiais non deben ser esvaradíos; só se poderán empregar materiais biodegradables; deberase evitar o uso de pinturas que poidan afectar ao estado e conservación do pavimento onde se realiza a alfombra.
As inscricións para participar na elaboración das Alfombras Florais do Concello de Gondomar 2024 farase mediante presentación de solicitude nas oficinas de Rexistro Xeral (de luns a venres de 8:00 a 14:00 horas) ou mediante Sede Electrónica (obrigatorio para as Asociacións ou Agrupacións rexistradas) cubrindo o ANEXO I de inscrición. O prazo de presentación das solicitudes rematará o 16 de maio ás 23:59 horas. O Concello de Gondomar destinará unha partida económica de 8.000€ para a elaboración das alfombras florais. Este crédito será repartido entre as asociacións participantes, sendo a contía máxima de axuda por participante de 800€.

